QUEN SOMOS?

 HISTORIA DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello de Redondela leva traballando a favor da normalización da lingua galega dende ben cedo. Os comezos deste traballo remóntanse á época da transición, onde se atopa un marco de legalidade que permite o traballo na normalización do idioma, aínda que sempre de carácter voluntario. Exemplo disto é a primeira convocatoria do Premio Blanco Amor realizada neste concello, á altura do 1981, na que saíu premiado o escritor Daniel Cortezón coa obra “A vila asulagada”.

Será a principios desta década cando este traballo normalizador voluntario se institucionalice dando lugar ao Servicio de Normalización do Idioma. Este servizo aprobaríase con data de 30 de xullo no 1982 sendo, así, o primeiro Servizo de Normalización Lingüística en Galicia. Deste xeito, adiantábase mesmo á Lei de Normalización Lingüística do 1983.

Case dúas décadas despois, no 1998, o Concello de Redondela reformula o servizo pasándose a chamar Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. Na súa orde fundacional recollíanse as seguintes funcións:

a) O control e a supervisión da aplicación desta ordenanza e demais normativa vixente sobre a lingua galega.

b) Elaboración de plans e programas de actuación.

Neste ano o pleno tamén aproba a Ordenanza Reguladora do uso do galego, converténdoo en lingua habitual do concello.

Dende o seu xurdimento ata a actualidade, o SNL acadou o rango de Concellaría no período de 2003-2011 contando con varios técnicos de normalización ó longo dos anos.

Dende o ano 2016 o SNL depende directamente de Alcaldía. Á fronte do servizo está, dende 2017, o técnico en normalización lingüística Xurxo Martínez González.


FUNCIÓNS DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

As funcións do servizo son fundamentalmente tres:

  • Dinamización

Esta función consiste en planificar, organizar e avaliar diferentes tipos de actividades, campañas e accións a favor da lingua. É unha das funcións máis importantes do servizo.

  • Formación

Trátase de ofrecer a formación necesaria para que as persoas poidan desenvolverse en galego por si mesmas, así como fornecelas da información necesaria para o desenvolvemento cotiá en galego. Os cursos CELGA, Certificado en Lingua Galega, é o título por excelencia sobre o  que estes servizos traballan.

  • Asesoramento

Consiste en fornecer axuda personalizada sobre lingua ó público en xeral: asesoramento sobre dereitos lingüísticos, galeguización de nomes e apelidos, etc.


Outeiro Rodríguez, Beatriz (2014). Análise do desenvolvemento do SNL do Concello de Redondela. Aproximación á súa traxectoria. (Traballo inédito). Facultade de Filoloxía e Tradución: Vigo.

Master Interuniversitario de Lingüística Aplicada (MILA)