NOVO SON, música en galego

A Radio Galega convocou a primeira edición do concurso NOVO SON, I Certame de músicas emerxentes, coa finalidade de descubrir e difundir o talento musical dos grupos e solistas galegos.

A participación está aberta a todos os músicos galegos maiores de 16 anos, que conten cun repertorio mínimo de 30 minutos.

O prazo para a recepción de cancións remata o 31 de marzo, e de seguido comezará o período de votacións, que se fará a través do seguinte enderezo web da Radio Galega:   http://www.radiogalega.es/novoson, e no que poderá participar calquera persoa.

Os requirimentos para participar no concurso son que os temas estean cantados en lingua galega, e que cumpran un mínimo de calidade musical e acústica.

Pódense ver as BASES premendo na ligazón.

Castelao e nós, en Chapela

Co gallo da celebración, neste ano 2011, do 125 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (30 de xaneiro de 1886), vólvese sacar á luz unha exposición da súa obra ideada no ano 2000 pola AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), e patrocinada pola Fundación Castelao e diferentes concellos, entre os que se atopa o Concello de Redondela.

Esta exposición, titulada daquela, “Castelao e nós. Unha viaxe pola súa obra”, vén agora mostrar a vixencia do pensamento e da obra do artista rianxeiro, e achega á cidadanía unha selección de debuxos e textos significativos do autor, que agora se expoñen baixo o título Castelao e nós, 125 aniversario.

A mostra inclúe debuxos dos álbums Nós (1931), Cousas da vida (1924-1925), Galicia mártir e Atila en Galicia (1937), e textos tirados do seu libro de ensaio político Sempre en Galiza (1944), nos que reflexiona sobre a economía e a sociedade, a emigración, a lingua, as institucións, a guerra do 36 ou o nacionalismo.

A exposición abriuse onte ao público no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, e permanecerá nesta instalación ata o 1 de abril, aberta a toda a cidadanía.

Pódese consultar o folleto da exposición premendo na imaxe.

8 anos da Galipedia

A Galipedia, o nome co que se coñece a Wikipedia en galego, cumpriu oito anos de existencia o pasado 8 de marzo.

Trátase dunha enciclopedia colaborativa en lingua galega aberta á participación de todo o mundo, unha das enciclopedias mantidas pola Fundación Wikimedia (organización sen ánimo de lucro), que ten como máximo expoñente a Wikipedia en inglés.

Ao valor enciclopédico deste proxecto engádeselle o mantemento e promoción do idioma galego, que axuda a transmitir o coñecemento dende a nosa lingua a todo o mundo e en todos os eidos do saber.

Grazas ao esforzo das persoas colaboradoras, a Galipedia medra a un ritmo duns 1.000 artigos ao mes. E este é o seu maior reto para o futuro: conseguir novos colaboradores que fagan que os artigos existentes sexan cada día mellores, achegando nova información e puntos de vista.

A Galipedia anima, e nós secundamos tamén este ofrecemento, a que toda aquela persoa que queira poida contribuír a espallar o coñecemento na nosa lingua.