Exposición e conferencia sobre Carlos Casares

A Real Academia Galega decidiu que o Día das Letras Galegas 2017 fose para Carlos Casares, destacado escritor da nova narrativa galega.

O Concello de Redondela, dende os departamentos de cultura e normalización, súmase ás homenaxes e recoñecementos públicos. Por este motivo convoca á veciñanza de Redondela á inauguración dunha exposición sobre este autor, que se realizará o xoves 4 de maio ás 19:30h.

A continuación haberá unha mesa redonda con membros da Fundación Carlos Casares, co profesor Carlos López Bernárdez e presentado polo técnico do SNL de Redondela, Xurxo Martínez González.

A Orquestra de Saxos de Redondela pechará o acto.

Ó longo do mes haberá máis actividades coas que Redondela quere tributar memoria e recoñecemento ás letras galegas.

Axúdame a expresarme! Obradoiro sobre a pedagoxía Montessori

 

O xoves 27 de abril, ás 18h, no Multiúsos da Xunqueira, Sara Penas (Rachachán) ofrecerá un obradoiro, incluído no proxecto Apego, sobre a pedagoxía Montessori. Esta consiste nun método educativo innovador que aposta pola autonomía da crianza, dende a comprensión e relación pai/nai-fillo/filla, para facilitar o desenvolvemento das capacidades intelectuais, sociais e físicas.

O prazo de inscrición está aberto até o martes 25. Pódese realizar a reserva en normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 300, preguntando polo Servizo de Normalización Lingüística.

A galiña azul, de balde en Redondela (31 de marzo, ás 18h)

O venres 31 de marzo, ás 18h, no Auditorio da Xunqueira de Redondela, representarase a obra A galiña azul, escrita por Carlos Casares (autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017).

Esta actividade forma parte de FalaRedes 2017, un programa de dinamización lingüística promovido dende a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A galiña azul é o punto de partida desta adaptación teatral. Un libro escrito como unha carta a unha nena chamada Ana que marchou da vila cando era cativa. O rapaz que lle escribe cóntalle anécdotas e acontecementos que ocorreron desde que ela se foi. Narracións cheas de fantasía, de maxia, pero tamén de crítica social, pois a galiña azul simboliza o dereito a ser diferentes, á liberdade.

Unha palabra para Rosalía!

No pasado mes de febreiro as bibliotecas de Redondela e Chapela tamén participaron nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro. Desta volta ofreceron ás crianzas unhas camelias para debuxar. Pero ademais os cativos e cativas tiñan que escolle-la súa palabra favorita en lingua galega.

Participaron un total de 82  de nenos e nenas que debuxaron con múltiples cores as camelias para Rosalía. No reconto final, a palabra máis repetida foi “bolboreta” (5 veces), seguida doutras palabras como “animais”, “choiva”, “morriña”, “amor”, “beizo”, “ledicia”, “quérote”, “axóuxere”, “parrulo”, “auga” e “bico/biquiño” (2 veces cada unha).

O resto de palabras son unha suma de distintos campos semánticos: natureza (árbore, lume, solpor, orballo, amendoeira, xesta, aire), sentimentos (amizade, agarimo, acariñar, namorar, apertas, sentimentos, lembranza, coliño), animais (gato, pimpín, chío, chirlomirlo), nomes propios (Rosalía, Lía, Aldara, Xema) ou palabras descritivas (besbello, furafollas, pequerrecha).

Complentan a lista as seguintes: esmorga, miudiño, touciño, ler, andacamiños, parafuso, xamón, nai, fillos, cantiga, meigas, facho, viaxe, tren, raíña, trapallada, baleiro, libro, xogar e falar.

Entre tódalas camelias atopamos algunhas con mensaxes: “O galego é moi bonito” e “O galego encántame”. Noutras delas o seu autor deixounos unha mensaxe dirixida á escritora galega: “Grazas Rosalía por tódo-los poemas que escribiches”. Mensaxe ós que nos sumamos dende o SNL.