Arquivo da categoría: Redondela

Letras Galegas 2014

Arrincou a programación das Letras Galegas 2014, nas que se rende homenaxe ao poeta e tradutor de Guitiriz, Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990).

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellaría de Cultura adquiriron exemplares de dous libros do autor para divulgar a súa obra, que serán repartidos neste mes entre as asociacións culturais redondelás e nas bibliotecas públicas:

NIMBOS                                  XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, VIDA E OBRA

A programación de actos conmemorativos e de homenaxe esténdese dende o propio 17 de maio até o domingo 6 de xullo.

O SNL deseñou e distribuíu tamén marcapáxinas conmemorativos nos que se inclúen algúnhas ligazóns para sabermos máis de Xosé Mª Díaz Castro:

Páxina oficial de Díaz Castro

Díaz Castro na RAG

Díaz Castro na SXPL

Letras Galegas 2014 na CGENDL

VI Semana do libro, a festa das palabras

As Bibliotecas de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan VI Semana do libro, a festa das palabras.

Esta celebración que xira arredor da data sinalada do 23 de abril como Día Mundial do Libro, artéllase para divulgar o libro como un elemento de cultura e enriquecemento persoal e social, e incide na animación á lectura e na divulgación das linguas que nos son máis próximas, as que se falan na Península Ibérica: galego, castelán, portugués, asturiano, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.

Este evento, centrado inicialmente nunha semana de actividades esténdese, neste 2014, a todo o mes de abril, onde ademais de celebrarse a exposición multilingüe habitual, vanse desenvolver relatorios, actividades de promoción da oralidade e presentacións de diversas publicacións, unhas abertas a toda a cidadanía e outras para alumnado dos centros de ensino redondeláns.

Os materiais que conforman a exposición son achegas de distintos organismos que veñen colaborando nos últimos anos coa doazón de libros e revistas, como o Instituto Camões de Vigo, o Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, a Academia de la Llingua Asturiana, a Academia de L’Aragonés, e dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Esta mostra multilingüe achega un valor engadido á propia celebración do día do libro, pois xunta o obxectivo inicial de procurar unha animación á lectura co obxectivo transversal de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. O coñecemento doutras realidades lingüísticas contribuirá tamén a que aprendamos a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos, a interesarnos polo seu coñecemento e a considerar mellor a nosa propia.

A exposición multilingüe estará instalada do 21 ao 23 de abril no Multiusos do Piñeiral do Crego, e do 24 ao 30 no Multiusos da Xunqueira. A programación deste ano inclúe as seguintes actividades:

mércores 2 de abril, ás 11.30 h. Pedro Feijoo:  A MEMORIA DA CHOIVA. Charla co alumnado do IES Mendiño sobre Os fillos do mar e presentación de A memoria da choiva.

martes 8 de abril, ás 20.00 h. X. Henrique CostasO VALEGO, as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura). Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 15 de abril, ás 20.00 h. Manuel Gago. Vento e Chuvia: unha ollada á relixión e á mitoloxía da Idade do Ferro en Gallaecia. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 22 de abril.

  • Ás 10.30 e 12.00 h: Modestos contos de Broadway. LEIXAPRÉN. Obradoiros plástico-literario-musicais no Auditorio do Piñeiral do Crego para o alumnado do IES Chapela.
  • Ás 12.00 h. Soledad Felloza: teatralización sobre “Os antigos deuses galaicos”, para o alumnado dos IES Mendiño, Illa de San Simón e Pedro Floriani. Auditorio da Xunqueira.
  • Ás 20.00 h. Olga Lalín e Esther Medraño. Sensibilizando sobre o autismo. Presentación do libro HADA ESTHER. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 29 de abril, ás 20.00 h. Gemma Sesar: VIDA DE NAI. Multiusos do Piñeiral do Crego. Entrada libre.

Curso CELGA 4 en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de aprobar os cursos preparatorios para os CELGA 2014.

No Concello de Redondela vaise celebrar o seguinte:

CELGA 4. Código: CL4201436800020

Lugar: IES PEDRO FLORIANI

Datas: do 1 de abril ao 28 de maio.

Horario: 19:00 – 21:00 h

Días: de luns a venres.

As persoas que queiran confirmar a súa matrícula deberán remitir un correo electrónico a sxpl.pontevedra@xunta.es, incluíndo o código do curso ao que van asistir, nome e apelidos, NIF e teléfono de contacto ou correo electrónico. Tamén poderán facelo a través do teléfono 986 805 957.

Próximos ao noso concello vanse celebrar tamén estoutros cursos:

VIGO-REDONDELA-CHAPELA

CELGA 2. Código:CL2201436800018

Lugar: IES TEIS

Datas: do 1 de abril ao 28 de maio.

Horario: 18:00 – 20:30 h

Días: de martes a venres.

 

CELGA 4. Código: CL4201436800019

Lugar: IES TEIS

Datas: do 1 de abril ao 28 de maio.

Horario: 15:30 – 20:30 h

Días: de martes a xoves.

Para ver a resolución completa dos cursos aprobados pódese consultar http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Programacion_cursos_Celga_2014.pdf

Publicidade redondelá

PUBLICIDADE REDONDELÁ é unha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial. O obxectivo principal é promocionar os establecementos que usan o galego como lingua habitual e animar a outros a que dean o paso e desenvolvan a súa actividade na nosa lingua.

Este proxecto inclúe a divulgación de vídeos publicitarios dos establecementos (o primeiro deles é a presentación, NÓS OFRECEMOS), a través da rede, no que os propios comerciantes e propietarios presentan a súa actividade. Despois seguirán outros vídeos nos que darán os seus argumentos e animarán a outros establecementos a que fagan o mesmo.

Inclúe tamén a divulgación da campaña a través dunha páxina propia na rede social Facebook, PUBLICIDADE REDONDELÁ https://www.facebook.com/publicidaderedondela e no blog do Servizo de Normalización Lingüística http://servizonlredondela.blogaliza.org/.

No proxecto convídase á participación da poboación en xeral achegando referencias dos establecementos que traballan habitualmente en lingua galega. A proposta de participación inclúe a achega de fotos documentais ou pequenos vídeos, e datos dos establecementos. Está aberto a calquera negocio, establecemento comercial, hostaleiro ou empresa radicada no concello de Redondela ao que se lle dará publicidade de balde a través desta plataforma.

PROPOSTA DE PARTICIPACIÓN

  • Se tes un establecemento, negocio ou empresa no concello de Redondela e traballas habitualmente en galego, podes achegar fotografías ou un pequeno vídeo (de duración inferior a 60 segundos), onde se mostre a túa actividade. Tamén podes crear un perfil na rede social Facebook e facerte seareiro da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ onde se difundirá a túa actividade https://www.facebook.com/publicidaderedondela.
  • Se es unha persoa usuaria ou cliente dalgún establecemento que exerce a súa actividade en lingua galega, podes achegar os seus datos acompañados dalgunha foto que sirva de documento. Esa información divulgarase tamén a través da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ.

Toda a información deberá achegarse a través do correo electrónico redondelasnl@gmail.com

Dende o SNL promocionamos os establecementos comprometidos coa lingua galega!