Arquivo da categoría: Redondela

Axóuxeres en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística programou para este ano AXÓUXERES en Redondela.

Trátase dun programa de dinamización lingüística dirixido a bebés de 0 a 3 anos que busca favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés, utilizando para iso o xogo, a música e a experiencia sensorial.

O obxectivo deste programa é axudar a que os pais e as nais contribúan á transmisión da lingua e, á vez, obteñan ideas para xogar na casa, prolongando no fogar as propias actividades.  Ademais a iniciativa homenaxeará aos avós, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua aos máis pequenos.

A programación no noso concello inclúe:

ENCONTROS DOS AXÓUXERES

Domingo, 20 de febreiro de 2011, ás 12.00 h, na Casa da Cultura de Redondela.
Para asistir xa se pode  facer a inscrición no teléfono 686160879.

OBRADOIROS DOS AXÓUXERES

Venres, 25 de febreiro de 2011, ás 17.00 e 19.00 horas, na Casa da Cultura.
Sábado, 26 de febreiro de 2011, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura.
A inscrición comezará uns días antes dos mesmos, no teléfono 630230338.

Detrás da canción en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística achega a Redondela, hoxe 4 de xaneiro, o proxecto DETRÁS DA CANCIÓN, coa colaboración do SNL do Concello de Redondela, que se inclúe na programación do programa Bocaberta de dinamización lingüística. O proxecto inclúe a celebración de obradoiros de creación musical e un concerto final.

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder esta actividade, na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

Detrás da canción é unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos, que pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera o pode facer cunha mínima calidade. Pero alén de todo iso, quere mostrar que a lingua galega é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Os obradoiros desenvolveranse na sala da Rede de Telecentros de Redondela, no Multiusos da Xunqueira, dende as 18.00 ás 19.50 horas. Para participar nos mesmos é imprescindible formalizar a inscrición na web www.detrasdacancion.info ou presentarse no lugar e hora sinalados na convocatoria.