Arquivo da categoría: Redondela

Curso CELGA 3 en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela informa que o vindeiro luns, 4 de abril de 2011, comezará a desenvolverse un curso de lingua galega CELGA 3 en Redondela.

Este curso inclúese  dentro da convocatoria de cursos para colectivos de Galicia, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está destinado a todas aquelas persoas que desexen acadar ou mellorar a súa competencia en lingua galega, partindo duns coñecementos básicos, ou que queiran presentarse ás probas para a obtención do certificado do nivel de coñecemento da lingua galega CELGA 3.

O curso desenvolverase de luns a xoves, na sala infantil da biblioteca no Multiusos da Xunqueira, en horario de 20.00 a 22.00 horas, e é gratuíto.

As persoas interesadas en facelo, e que non estean inscritas con anterioridade no mesmo, poderán realizar a súa reserva de praza no Servizo de Normalización Lingüística (na planta baixa da Casa do Concello), no teléfono 986 402842, ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.info

Farenheit, no Auditorio da Xunqueira

O Auditorio da Xunqueira acolleu esta mañá unha función teatral para alumnado de ensino secundario, patrocinada pola Concellaría de Normalización Lingüística.

Trátase do espectáculo Verbum FARENHEIT, realizado por Limiar Teatro en colaboración con Verbum, casa das palabras e Ponte nas Ondas,  inspirado na novela de Ray Bradbury Farenheit 451, pero ataviada con textos literarios de autores galegos (Rosalía de Castro, Vicente Risco, Castelao ou Neira Vilas mestúranse con Manuel Antonio, Martín Códax ou Lois Pereiro).

Verbum Farenheit é a historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delito, ler, nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios. Os libros están, nesta historia, preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro.

280 alumnos e alumnas do IES Chapela, IES Illa de San Simón, IES Pedro Floriani e IES Mendiño puideron presenciar esta obra na que se incidiu na liberdade, na necesidade de adquirir coñementos, de ler, e de lembrar os autores literarios como parte esencial da nosa vida e da nosa cultura.

Pódese consultar a unidade didáctica na seguinte ligazón.

Contacontos nas escolas infantís

Esta semana comezaron as actividades de dinamización lingüística para os escolares de ensino infantil a través de contacontos.

Nunha primeira fase, estas actividades de promoción da lingua galega consistirán en contacontos que se achegarán ás dúas escolas infantís existentes nas parroquias do noso concello: a EEI de Ventosela e a EEI San Pedro, de Cesantes. Deste xeito, nunha mesma actividade promociónase a utilización da lingua propia, e incídese tamén na animación á lectura e no gusto por contar historias, ao que se anima tamén aos pais e avós.

No día de onte celebrouse a primeira das sesións, na EEI de Ventosela, onde tamén participaron pais e avós dos cativos alí escolarizados, xunta a algún irmán pequeno. A representación estivo a cargo da contadora do grupo Xerpo, Lúa con luvas.

Mañá venres, 18 de febreiro, celebrarase a seguinte función na EEI San Pedro, de Cesantes. Haberá unha sesión de contacontos ás 12.00 h, a cargo do contador do grupo de teatro Xerpo, Andreu Chapeu, á que tamén están convidados pais, avós e irmáns pequenos dos alumnos do centro, e calquera outro neno da parroquia que aínda non estea en idade de escolarización.

O achegamento desta actividade ás parroquias quere contribuír a espallar a nosa lingua e a promover o seu uso entre os máis pequenos e, asemade, levar espectáculos á poboación rural que non adoita ter a man as actividades culturais programadas polos concellos.

Ao longo dos vindeiros meses continuarase con actividades de achegamento da lingua galega ao alumnado de infantil dos distintos centros de ensino do concello, xustamente a franxa de idade na que o galego ten menos presenza e necesita ser impulsado.