Arquivo da categoría: Redondela

NOVA DIFUSIÓN DO APEGO, AGORA XA EN 23 CONCELLOS

Coa recente adhesión dos concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, ao programa Apego, chega agora o momento de comezar a traballar coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos.

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

Coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. O primeiro deles é un vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicar o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar o programa de xeito atractivo.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no seu proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos podes gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela está na planta baixa do multiúsos da Xunqueira. Tamén se pode contactar a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986400106.

“Entre arrolos e contiños” para a xente miúda da casa

O Servizo de Normalización Lingüística organiza unha nova actividade para público infantil e familias dentro do programa APEGO, de dinamización lingüística da primeira infancia.

Entre arrolos e contiños” é o nome desta actividade de música e narración oral que chega da man da compañía Migallas Teatro.

A actividade achéganos contos de risa, trasnos e carapuchiñas que conseguen estimular e animar á rapazada da casa e ás súas familias. A tradición oral preséntase da man da literatura infantil ao ritmo da música para facer unha actividade lúdica e festiva.

A primeira sesión desenvolveuse o domingo 11 de setembro, ás 12:00 h, na Sociedade Cultural do Viso, con gran éxito de público.

entre-arrolos-e-continos-o-viso

O domingo 25 de setembro, ás 18:00 h, chegará ao Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde.

Está indicada para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias, que poderán gozar das historias e coñecer instrumentos como o acordeón, o xilófono ou a melódica.

entre-arrolos-e-continos

A actividade é de balde pero ten limitado o aforamento, polo que cómpre anotarse a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es, ou do teléfono do SNL (986 400 106).

Axenda escolar redondelá 2016-17

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino veñen de editar, un ano máis, a Axenda escolar redondelá 2016-17, que recibirán 2025 alumnas e alumnos dos centros de ensino públicos do concello.

Axendas2016-17

As axendas estanse a distribuír de xeito gratuito entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa–Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani.

Este é o quinto ano consecutivo no que o Servizo de Normalización Lingüística se encarga da edición destas axendas escolares, co obxectivo de divulgar a cultura e o patrimonio locais entre a poboación máis nova, e promover a normalización da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2016-2017 inclúe algunhas das actividades de dinamización e normalización lingüística desenvolvidas durante o curso pasado por este SNL para os centros de ensino: roteiros de toponimia, obradoiros de teatro radiofónico, actividades de narración oral, representacións teatrais e actividades das Letras Galegas 2016.

Ademais inclúe traballos escolares e as impresións do alumnado participante nas actividades desenvolvidas. Tamén se recolle parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contidos relacionados especificamente coa toponimia local.

Con esta publicación o alumnado redondelán recibe unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, pero ademais serve para incentivar o seu interese polo seu contorno, a cultura local, e para normalizar o uso da lingua galega na súa vida diaria.

COÑECENDO REDONDELA, arquitectura e microtoponimia para a rapazada

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan unha nova actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia para a rapazada redondelá.

Baixo o título COÑECENDO REDONDELA, vanse celebrar uns talleres de arquitectura e microtoponimia para nenas e nenos, co obxectivo de divulgar entre a poboación infantil o patrimonio arquitectónico de Redondela, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia.

Cartel_coñecendo-Redondela

Analizarase a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, xeografía física e humana sobre a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.

Aspectos relacionados co asentamento da poboación no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.

Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá (de 9:30 a 11:30, e de 12:00 a 14: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 1 de setembro no teléfono 986 400 106 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.es.