Arquivo da categoría: Redondela

Redondela paso a paso

Hoxe comezamos un novo proxecto de divulgación do patrimonio e a historia redondelá.

Redondela paso a paso é o nome deste proxecto, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística, que se inicia con roteiros guiados polo núcleo histórico de Redondela  para o alumnado redondelán, e que terá continuidade nun futuro coa edición dun libro e folletos divulgativos para o turismo.

Os roteiros serán guiados por dous grandes coñecedores do patrimonio e a historia redondelá, Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure, que ademais son policías locais de Redondela.

As dúas primeiras saídas programadas son para alumnado do IES Illa de San Simón (hoxe, 2 de marzo), e o vindeiro 12 de marzo para alumnado de 3º ciclo do CEIP Quintela.

A historia e o patrimonio redondelán merecen ser divulgados, e a nosa poboación escolar ten agora a oportunidade de coñecelos.

24 de febreiro, Día de Rosalía

Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística súmanse á celebración do DÍA DE ROSALÍA, no 175 aniversario do seu nacemento.

Seguindo a proposta da AELG, conmemoramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 1837, a muller que nos devolveu a lingua e que representa coma ninguén o espírito do noso país.

Celebrémolo, pois, lendo os seu textos en Radio Redondela, entre as 11.00 e as 13.00 h, para que siga sendo memoria viva!

SINBAD en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela inaugura unha nova tempada de cinema en lingua galega, coa finalidade de promover o achegamento da sétima arte tamén na nosa lingua e contribuír á divulgación do cinema galego.

O filme que se proxectará é SINBAD, dirixido por Antón Dobao e cuxo guión foi elaborado por el mesmo e Marcos Nine, baseado na novela de Álvaro Cunqueiro “Se o vello Sinbad volvese ás illas”. Trátase dunha coprodución da Televisión de Galicia e mais Ficción Produccións, que chega a Redondela grazas á colaboración do AGADIC  e mais da produtora.

Conta cun reparto excepcional, formado por grandes nomes do teatro e o cinema galegos: Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas, Mariña Sampedro “Coco”, Luís Zahera, Manuel Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán “Morris”, Laura Ponte, e a colaboración especial de Mela Casal e Miquel Ínsua.

O fío da película conta a historia dun vello mariñeiro que vive tranquilamente nunha vila mariñeira, adicando o seu tempo ao coidado da súa horta, a pasear a carón do mar e a fabular. Este mariñeiro, agora retirado, que percorreu os mares coñecendo personaxes extraordinarias, foi testemuña e protagonista de feitos fantásticos. A Sinbad, que é como el quere que lle chamen, acompáñao Sara, unha nena que aprenderá con el os segredos deses mundos fantásticos, e será a que o una ao seu último proxecto: pilotar unha nave extraordinaria que o leve ás Illas Cotovías.

O filme é apto para todos os públicos e recoméndase para maiores de 9 anos. Proxectarase o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela. E novamente, o sábado, 11 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio da Xunqueira de Redondela.
A entrada é de balde.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística anímase a toda a veciñanza a que asista a esta proxección, que servirá para achegármonos ao cinema na nosa lingua, especialmente a poboación infantil, e que contribúe a demostrar que a lingua galega serve para todas as manifestacións artísticas e culturais.