Arquivo da categoría: Recursos

Convocatoria de cursos CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para solicitar cursos de lingua galega para persoas adultas, logo da convocatoria efectuada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2013), na que convoca cursos preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia.

Para tentar organizar algún destes cursos no noso concello, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela anima a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou do teléfono 986 400300, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a súa inscrición.

O prazo para facer as solicitudes para Redondela remata o 23 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto, curso CELGA que desexan facer e parroquia onde residen.

A celebración destes cursos en Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de solicitudes, polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor conveñan á maioría das persoas inscritas.

Tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos de programación directa, convocados xa para Vigo e Pontevedra, para os que haberá que facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria). E se algún colectivo ou asociación quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

CURSOS DE PROGRAMACIÓN DIRECTA PREPARATORIOS PARA OS CELGA 2013

Cidade

Lugar

Nivel

Datas

Horarios

Días

Pontevedra Edificio Xunta CELGA 1 18/03/2013 – 30/05/2013 17.00 – 19.30 De luns a xoves
Pontevedra Edificio Xunta CELGA 2 18/03/2013 – 30/05/2013 10.00 – 12.30 De luns a xoves
Pontevedra Edificio Xunta CELGA 2 18/03/2013 – 30/05/2013 16.00 – 18.30 De luns a xoves
Pontevedra EOI CELGA 3 5/03/2013 – 21/05/2013 9.00 – 12..00 Martes e venres
Pontevedra EOI CELGA 3 5/03/2013 – 23/05/2013 Tardes (dif. horas) Martes, mércores e xoves
Pontevedra EOI CELGA 4 5/03/2013 – 21/05/2013 9.00 – 12..00 Martes e venres
Pontevedra Edificio Xunta CELGA 4 18/03/2013 – 30/05/2013 10.00 – 12..30 De luns a xoves
Pontevedra Edificio Xunta CELGA 4 18/03/2013 – 30/05/2013 18.30 – 21..00 De luns a xoves
Vigo EOI CELGA 1 28/02/2013 – 30/05/2013 10.30 – 13.00 Martes e xoves
Vigo IES Alexandre Bóveda CELGA 1 18/02/2013 – 30/05/2013 18.30 – 21.00 Luns e xoves
Vigo EOI CELGA 2 25/02/2013 – 29/05/2013 11.30 – 14.00 Luns e mércores
Vigo EOI CELGA 2 28/02/2013 – 30/05/2013 17.30 – 20.00 Martes e xoves
Vigo IES Alexandre Bóveda CELGA 2 18/03/2013 – 30/05/2013 18.30 – 21.00 Luns e xoves
Vigo EOI CELGA 3 28/02/2013 – 30/05/2013 10.30 – 13.00 Martes e xoves
Vigo EOI CELGA 3 27/02/2013 – 31/05/2013 17.30 – 20.00 Mércores e venres
Vigo CEFORE CELGA 4 18/03/2013 – 30/05/2013 10.00 – 12.30 De luns a xoves
Vigo EOI CELGA 4 28/02/2013 – 30/05/2013 17.30 – 20.00 Martes e xoves
Vigo IES Alexandre Bóveda CELGA 4 18/03/2013 – 30/05/2013 18.30 – 21.00 Luns e xoves

 O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130107/AnuncioG0164-020113-0001_gl.pdf

Para máis información poden contactar co SNL, no primeiro andar da Casa do Concello (Rúa Alfonso XII, 2), ou no teléfono 986 400300 (Ext. 247).

Navega en galego!

Navegar significa desprazarse, tanto pola auga coma polo aire ou o espazo. E alén destes significados ten tamén o significado máis moderno de desprazarse pola rede.

Mais cando nos servimos da tecnoloxía informática para buscar ou compartir información tamén podemos escoller as nosas preferencias. E entre elas temos a opción de utilizar a nosa lingua e facer que o resto do mundo o saiba.

O navegador da Internet “fala” por nós, porque  aínda que  falemos galego, por defecto e como regra xeral, utiliza o español. Por iso é importante configurar o noso navegador de tal xeito que a nosa lingua sexa o idioma preferente. E isto pode facerse seguindo unhas sinxelas instrucións, que nos ofrecen dende o sitio NAVEGA EN GALEGO.
Na propia web explícannos a vantaxes de poñeres o galego como preferido no navegador:

  1. Influirás para que se creen versións en galego das webs.
  2. Sairanche as webs multilingües no idioma do país.
  3. Potenciarás as buscas na Galipedia.
  4. Baixarás os programas multilingües en galego.
  5. E impulsarás o emprego na terra.
Se o galego é a túa lingua, fálao tamén na web!
E de paso podes tamén poñer o teu móbil en galego.

Día da ciencia e da tecnoloxía en galego

Hoxe celebramos o Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego.

A raíz da celebración instituída pola UNESCO en 2001, que decidiu declarar o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, para promover a utilización responsable da ciencia en beneficio das sociedades, dende hai tres anos, os centros educativos galegos celebran o día de hoxe como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. O obxectivo  desta efeméride é o de mostrar que a lingua galega é útil para facer ciencia e, no ámbito académico, para impartir as materias científico-técnicas.

Este ano a IGACIENCIA (Institución Galega de Ciencia) propuxo centrar a celebración na tecnoloxía e nas figuras de Leonardo da Vinci e mais do galego Ramón Verea, inventor, entre outras cousas, dunha das primeiras calculadoras.

Nas ligazóns de máis arriba e na páxina da CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) pódense atopar múltiples recursos e propostas para celebrar o O DEREITO A GOZAR DA CIENCIA EN GALEGO. Ademais pódese obter toda a información na páxina da SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística), e premendo nas imaxes de abaixo as propostas tecnolóxicas desta celebración: as instrucións para construír a PONTE DESMONTABLE DE LEONARDO DA VINCI e a biografía do escritor e científico galego RAMÓN VEREA.

Entre os recursos sobre ciencia e tecnoloxía destacamos hoxe o ÁLBUM DA CIENCIA,  do CCG (Consello da Cultura Galega), que nos axudará a coñecer os máis senlleiros científicos galegos.

 

 

Linguaxe xurídica e administrativa, autoaprendizaxe

Xa é posible formarse en liña sobre linguaxe xurídica e administrativa galega. A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgou  materiais autoformativos en linguaxes administrativa e xurídica galegas, accesibles para toda a cidadanía,  co obxectivo de mellorar a calidade da oralidade e dos textos escritos na Administración.

Esta formación específica vai dirixida inicialmente ao persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, mais tamén a todas as persoas interesadas en ampliar os coñecementos nestas materias e mellorar a súa competencia lingüística.

Estes novos recursos en liña ofrecen dous cursos de autoaprendizaxe de nivel medio das seguintes linguaxes específicas (pódese acceder premendo no título):

CURSO MEDIO DE LINGUAXE XURÍDICA

CURSO MEDIO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Inclúen contidos teóricos, exercicios de autorresolución e recursos varios (vocabulario, glosarios de termos, lexislación, videoteca, hemeroteca…) que complementan a formación.

Pódese consultar toda a información na web da SXPL.