Arquivo da categoría: Recursos

Roberto Vidal Bolaño a través de Roberto Pascual

Para ilustrarnos acerca da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2013, este luns, 20 de maio, ás 20.30 h, na Casa da Cultura de Redondela, o autor e crítico teatral, profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual,  achegaranos a Roberto Vidal Bolaño e ás diferentes profesións teatrais  que tanto contribuíu a dignificar e modernizar.

Para iso vai explicar e profundar sobre as cuestións desenvolvidas no seu libro “Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro“, publicado por Edicións Xerais.

E saberemos que Roberto Vidal Bolaño utilizou todos os recursos posibles e inventou outros para facernos entender o teatro, para modernizalo e dignificalo, coa súa poderosa voz, “con máscaras, coa forza expresiva do corpo, dos ritmos populares, de técnicas audiovisuais…”.

“Esta obra amosa o que hai detrás dos fíos que crean a maxia inesgotable, eternamente transformadora, da arte do teatro”, e Roberto Pascual vainos axudar a descubrilo.

Taboleiro do libro galego

O profesor, escritor, tradutor e crítico literario Ramón Nicolás vén de inaugurar un novo apartado no seu  sitio web para divulgar o libro galego.

O TABOLEIRO DO LIBRO GALEGO é un proxecto de divulgación do libro galego en colaboración con 12 librarías de diferentes localidades do país (de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense,  Allariz,  Arteixo e  Compostela), no que compón unha listaxe semanal das obras máis vendidas nas nosas letras, clasificadas por xéneros e en distintas categorías (narrativa, poesía, ensaio-teatro, literatura infantil e xuvenil, banda deseñada e mais álbum ilustrado).

As librarías achegan os datos para elaborar estas listaxes que servirán para manter informados os potenciais lectores e achegarlles información a través de ligazóns sobre cada libro ou edición.

Unha boa iniciativa coa que poderemos estar informados e aprenderemos o que se coce nas editoriais galegas.

Probas para a obtención dos Celga en 2013

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou a convocatoria de probas para a obtención dos Certificados de lingua galega (Celga) en 2013. O prazo de matrícula está aberto até o 3 de abril.
Celga

PERSOAS DESTINATARIAS
Maiores de 16 anos

PRAZO DE INSCRICIÓN
Até o 3 de abril de 2013

DATAS DAS PROBAS
>Celga 1: 9 de xuño
>Celga 2: 2 de xuño
>Celga 3: 8 de xuño
>Celga 4: 1 de xuño

LUGARES DOS EXAMES
-Celga 1: Santiago de Compostela, Barcelona, Madrid e Ponferrada
-Celga 2, 3 e 4: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Barcelona, Madrid e Ponferrada

TAXA ÚNICA
15,61 €

Convocatoria completa (DOG do 16/1/13 .pdf) >

Impreso para o pagamento das taxas >

Códigos para cubrir a folla de taxas (.pdf)>

Modelo de solicitude>

Convocatoria de cursos preparatorios para as probas dos Celga

Glosario redondelán

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración con Radio Redondela,  pretende facer un glosario de termos xenuinos de Redondela e a súa contorna. Con este obxectivo solicita a colaboración de toda a veciñanza redondelá para que fagan as súas achegas e contribúan a crear este glosario de termos e expresións redondelás en lingua galega.

GLOSARIO REDONDELÁN
Usas palabras galegas que non atopas nos dicionarios?
Os teus pais ou avós din palabras que só lles escoitas a eles?
Hai expresións ou palabras que usamos en Redondela e que non entenden fóra da nosa contorna?

Se fas as túas achegas poderemos crear o GLOSARIO REDONDELÁN, un inventario de termos e expresións que nos corresponden en exclusiva.

Podes participar a través de Radio Redondela ou do SNL, enviando as túas achegas a través do correo electrónico (radioredondela@hotmail.com ou normalizacion@redondela.info), vía Facebook (http://www.facebook.com/servizo.redondela) ou nos teléfonos 986408139 ou 986400300.