Arquivo da categoría: Novas

Lingua de namorar, concurso de declaracións de amor

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude organizan, con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet,  LINGUA DE NAMORAR, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega.

Está dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, e o obxectivo do mesmo é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade, nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

Para participar neste concurso só hai que enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, redactada en prosa ou en verso, e cubrir o formulario de inscrición. O prazo para enviar as mensaxes permanecerá aberto ata o 17 de maio.

Establécense dúas categorías por idade:

  • Categoría A: de 14 a 19 anos
  • Categoría B: de 20 a 35 anos

Segundo estas, as mensaxes gañadoras recibirán os seguintes premios:

– Categoría A:

  • 1º Un computador netbook
  • 2º Unha consola Wii
  • 3º Unha cámara de fotos dixital

– Categoría B:

  • 1º Un iPad
  • 2º Un libro electrónico cunha selección de títulos en galego
  • 3º Unha cámara de fotos dixital

Pódense consultar as bases completas.

Adeus a Xaime Illa Couto

Hoxe recibirá o último adeus Xaime Illa Couto,  finado onte en Vigo á idade de 97 anos.

O intelectual e economista santiagués foi un dos artífices do renacemento cultural e político de Galicia de mediados do século XX . Dende a participación máis temperá nos grupos Ultreya, movemento xuvenil galeguista guiado por Álvaro de las Casas, e as Mocidades Galeguistas, onde traballou con Fernández del Riego e outros compañeiros de galeguismo. Despois como participante do proxecto do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.

Foi un incansable animador cultural e político do galeguismo, e xunto a Francisco Fernández del Riego fundou a Editorial Galaxia en 1950.  Aínda que  sufriu o exilio interior nos anos da posguerra, como moitos da súa xeración,  foi quen de reiniciar a súa actividade intelectual a partir da Editorial Galaxia e do suplemento literario do xornal La Noche de Santiago de Compostela.

Desde Galaxia participou na creación de numerosas iniciativas culturais como a Fundación Penzol (1963), a Fundación Otero Pedrayo (1979) ou a Fundación Illa Couto (1987). Tamén formou parte doutros proxectos editoriais como a editorial católica e galeguista Sept (1966)  ou a dirección entre 1958 e 1968 da Revista de Economía de Galicia.

En 1999 ingresou na Real Academia Galega co discurso “Economía, linguaxe e poder“. Nese mesmo ano foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Descanse en paz.

Máis información:

Culturagalega

Editorial Galaxia

 

 

Sermos Galiza, un novo xornal dixital en galego

Despois de varios meses fermentando, hoxe naceu Sermos Galiza, o novo xornal dixital en lingua galega.

Trátase dun proxecto colectivo no que participan persoas como a escritora Teresa Moure ou o escritor e músico Xurxo Souto. O seu obxectivo é converterse nun medio que sexa referente da información en galego, que fomente a participación cidadá e o traballo de colaboradores de diversos ámbitos.

A información de Galicia será o cerne dos contidos, pero tamén incluirán información estatal e internacional, dando especial importancia ás novas que sucedan en Portugal e nos países lusófonos.

Para garantir a súa viabilidade nestes tempos de dificultades, ofrecen a posibilidade  de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web, co fin de conseguir o apoio de 3000 persoas para garantir a súa viabilidade.

A partir do 17 de maio editarán tamén un semanario en papel.

Longa vida!

IV Semana do libro, a festa das palabras

A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro, a festa das palabras, que se desenvolverá do 17 ao 29 de abril de 2012.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve de pretexto para facer novamente unha campaña de animación á lectura que  divulga, ao mesmo tempo,a realidade multilingüe do noso contorno máis próximo.

Esta exposición multilingüe é posible grazas á colaboración de diferentes institucións que achegaron libros en portugués (Instituto Camões de Vigo); éuscaro (Liburutegi Zerbitzua – Servizo de Bibliotecas; Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco); catalán e aranés (Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya); asturiano (Academia de la Llingua Asturiana); aragonés (Academia de L’Aragonés), e galego e castelán, dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro e procurar unha animación efectiva á lectura, coa exposición de libros en diferentes linguas e en lugares pouco habituais. Dende o coñecemento doutras realidades lingüísticas poderemos aprender a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.

A programación deste ano inclúe a exposición multilingüe de libros no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, do 17 ao 20 de abril; e no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, do 23 ao 29 de abril. Pero ademais conta con tres presentacións de libros que se desenvolverán os días 19, 25 e 27 de abril.

A primeira delas será no Auditorio da Xunqueira o xoves, 19 de abril, ás 12.00 h, á que está convidado alumnado de primaria redondelá, e á que poderán asistir as persoas que o desexen. Contará coa participación dos autores do libro A NOITE DO APALPADOR, editado polo Concello de Redondela,  a partir dun texto poético do escritor chapelán Xurxo Valcárcel Gil e as ilustracións de Pepe Carreiro.