Arquivo da categoría: Novas

Manual de estilo do DOG

A Xunta de Galicia vén de publicar o Manual de estilo para o Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que responde a unha encomenda normativa derivada da propia existencia do DOG e á necesidade de unificar unhas pautas de estilo claras e ao alcance de todas as persoas usuarias.

Deste xeito preténdese unificar criterios para elaborar documentos oficiais, que atinxen ás formas lingüísticas e aos aspectos formais de edición e redacción, co obxectivo de producir documentos de calidade e entendibles por toda a cidadanía. Dende agora estas serán as normas de referencia para as publicacións institucionais en formato papel ou electrónico, os contidos das páxinas web dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, os gabinetes de comunicación do goberno galego e os manuais formativos.

O manual está editado nun formato wikimedia, que permite que os seus contidos se poidan modificar e actualizar permanentemente. Deste xeito, aínda que  non se ofrecen unha ortografía nin unha gramática completas (xa fixadas en obras específicas), ofrece normas concretas para aplicar ao DOG e a outras publicacións institucionais, con casos específicos e exemplos prácticos sobre a norma e as excepcións. Así pódense consultar dende algunhas construcións gramaticais dubidosas ou erróneas, as interferencias lingüísticas entre o galego e mais o castelán, a correcta utilización da toponimia, ou as abreviacións máis frecuentes.

Un bo recurso para refrescar a memoria e actualizármonos.

CONSUMOGUSTOS, produtos do país na lingua do país

Unha nova iniciativa a prol da nosa lingua busca promover a etiquetaxe na nosa lingua dos produtos galegos.

CONSUMOGUSTOS é o nome desta campaña, promovida polo Foro Enrique Peinador e pola Asociación Galega de Adegueiros, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingúística, que tamén conta co apoio de produtores, hostaleiros, adegas e sindicatos, e que pretente promover un consumo responsable cos produtos do país e a lingua galega.

Escoller productos e establecementos que recoñezan a nosa identidade na etiquetaxe é unha boa maneira de pedir que se respecte a nosa lingua nas relacións comerciais e na comunicación coa clientela.

Nós somos responsables desa demanda como persoas consumidoras e podemos ser comsumidoras activas reclamando que os produtos do país estean etiquetados na lingua do país.

 

EU FALAREI, dende Chapela para o mundo

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela acaba de divulgar na rede o seu lipdub para promover a nosa lingua.

O resultado non pode ser mellor, a xulgar pola calidade da edición e o guión. Pero o que máis importa neste caso é a participación de 400 persoas, entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, que quixeron dar alento á lingua galega, necesitada de nós, hoxe máis ca nunca. Toda a comunidade chapelá tivo un lugar neste proxecto que pretende ser, segundo eles mesmos manifestan, “un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova“.

O famoso tema de Gloria Gaynor, I will survive, serve de banda sonora para este vídeo con dobraxe ao galego, no que resoa un retrouso pegadizo e optimista: “Eu falarei, sempre en galego, que viva a nosa lingua outras mil primaveras máis“.

Parabéns por esta inxección de optimismo para a nosa lingua!

Avante coa lingua galega, dende Chapela para o mundo.

 

A revista EROSKI CONSUMER xa está en galego

A cadea de supermercados VEGALSA-EROSKI, acaba de editar a súa revista mensual en lingua galega.

A aposta pola nosa lingua, e polo resto das linguas oficiais do estado español vén xa de hai tempo, e na súa páxina web ofrécenos todos os seus contidos en lingua galega.

Unha boa forma de achegarnos á nosa lingua a través dos temas de saúde e alimentación que interesan ás persoas consumidoras, e un bo xeito de facer país.

Parabéns!