Arquivo da categoría: Novas

Navega en galego!

Navegar significa desprazarse, tanto pola auga coma polo aire ou o espazo. E alén destes significados ten tamén o significado máis moderno de desprazarse pola rede.

Mais cando nos servimos da tecnoloxía informática para buscar ou compartir información tamén podemos escoller as nosas preferencias. E entre elas temos a opción de utilizar a nosa lingua e facer que o resto do mundo o saiba.

O navegador da Internet “fala” por nós, porque  aínda que  falemos galego, por defecto e como regra xeral, utiliza o español. Por iso é importante configurar o noso navegador de tal xeito que a nosa lingua sexa o idioma preferente. E isto pode facerse seguindo unhas sinxelas instrucións, que nos ofrecen dende o sitio NAVEGA EN GALEGO.
Na propia web explícannos a vantaxes de poñeres o galego como preferido no navegador:

  1. Influirás para que se creen versións en galego das webs.
  2. Sairanche as webs multilingües no idioma do país.
  3. Potenciarás as buscas na Galipedia.
  4. Baixarás os programas multilingües en galego.
  5. E impulsarás o emprego na terra.
Se o galego é a túa lingua, fálao tamén na web!
E de paso podes tamén poñer o teu móbil en galego.

Día da ciencia e da tecnoloxía en galego

Hoxe celebramos o Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego.

A raíz da celebración instituída pola UNESCO en 2001, que decidiu declarar o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, para promover a utilización responsable da ciencia en beneficio das sociedades, dende hai tres anos, os centros educativos galegos celebran o día de hoxe como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. O obxectivo  desta efeméride é o de mostrar que a lingua galega é útil para facer ciencia e, no ámbito académico, para impartir as materias científico-técnicas.

Este ano a IGACIENCIA (Institución Galega de Ciencia) propuxo centrar a celebración na tecnoloxía e nas figuras de Leonardo da Vinci e mais do galego Ramón Verea, inventor, entre outras cousas, dunha das primeiras calculadoras.

Nas ligazóns de máis arriba e na páxina da CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) pódense atopar múltiples recursos e propostas para celebrar o O DEREITO A GOZAR DA CIENCIA EN GALEGO. Ademais pódese obter toda a información na páxina da SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística), e premendo nas imaxes de abaixo as propostas tecnolóxicas desta celebración: as instrucións para construír a PONTE DESMONTABLE DE LEONARDO DA VINCI e a biografía do escritor e científico galego RAMÓN VEREA.

Entre os recursos sobre ciencia e tecnoloxía destacamos hoxe o ÁLBUM DA CIENCIA,  do CCG (Consello da Cultura Galega), que nos axudará a coñecer os máis senlleiros científicos galegos.

 

 

Linguaxe xurídica e administrativa, autoaprendizaxe

Xa é posible formarse en liña sobre linguaxe xurídica e administrativa galega. A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgou  materiais autoformativos en linguaxes administrativa e xurídica galegas, accesibles para toda a cidadanía,  co obxectivo de mellorar a calidade da oralidade e dos textos escritos na Administración.

Esta formación específica vai dirixida inicialmente ao persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, mais tamén a todas as persoas interesadas en ampliar os coñecementos nestas materias e mellorar a súa competencia lingüística.

Estes novos recursos en liña ofrecen dous cursos de autoaprendizaxe de nivel medio das seguintes linguaxes específicas (pódese acceder premendo no título):

CURSO MEDIO DE LINGUAXE XURÍDICA

CURSO MEDIO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Inclúen contidos teóricos, exercicios de autorresolución e recursos varios (vocabulario, glosarios de termos, lexislación, videoteca, hemeroteca…) que complementan a formación.

Pódese consultar toda a información na web da SXPL.

O galego, chave para os teus negocios no mundo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto á FEGAPE, Federación Galega de Parques Empresariais, lanzan a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, que  promove a utilización do galego como lingua dos negocios, tanto dentro coma fóra de Galicia.

A nosa lingua, o galego, é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén serve para nos conectar cunha comunidade de case 200 millóns de persoas que falan portugués, a nosa lingua irmá, o que nos permite comunicarnos e comprendernos sen necesidade de mediación. Pero este valor cultural transfórmase agora tamén en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación.

Por este motivo a campaña incide nas facilidades que a comunicación en galego nos dá para traballar e intercomunicarnos con países emerxentes, que poden ser motores de desenvolvemente industrial e económico tamén para o noso.

Pódese ver aquí toda a información desta campaña, e premendo na imaxe superior o díptico de promoción.