Arquivo da categoría: Novas

Inaugúrase a Cidade da Cultura de Galicia

Hoxe inaugúrase en Santiago de Compostela, no monte Gaiás, a Cidade da Cultura de Galicia.

Nas súas instalacións, aínda inacabadas, pódense visitar xa o Arquivo, a Biblioteca e máis as instalacións en fase de construción. E agora mesmo hai unha exposición moi interesante para a cultura, a bibliografía e máis a literatura galegas.

Códice Calixtino

A exposición “Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia“, reúne 83 libros, códices ou   manuscritos considerados chave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de   xoias bibliográficas que en conxunto debuxan a historia da construción da cultura galega, e   que inclúe desde os primeiros textos romanos que comezan a definir o territorio co nome de   Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego.
Estará aberta ata o 25 de febreiro no edificio do Arquivo.
VISITAS
Luns e Mércores ás 17.00 h.
Sábados e Domingos ás 12.00 e 17.00 h.
VISTAS DIDÁCTICAS PARA GRUPOS
Chamar ao 981 576 753 ou enviar mail a visitasdidacticas@cidadedacultura.org

Pero tamén, dende o 15 de xaneiro ata o 25 de xuño, hai unha programación titulada   Galicia, Ceo das Letras, na que se fará un percorrido pola vida e obra de nove autores galegos  e, ademais, de tres insignes veciños convidados a esta festa homenaxe (Pessoa, Borges, Espriu).

Cada sesión constará dun relatorio inicial impartido por un experto de referencia e dunha actuación artística (música, cine, teatro…) ligada ao espírito do autor ou autora homenaxeados.

III Xornadas de toponimia en Pontevedra

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, durante varias xornadas dos meses de xaneiro e febreiro, as III Xornadas de Toponimia. Estudo dos nomes de lugar e aplicacións didácticas.

Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística e máis o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Luís Seoane, as xornadas están dirixidan a docentes de primaria e secundaria, entidades sociais e culturais (comunidades de montes, confrarías, asociacións veciñais, culturais…) e a outras persoas interesadas no tema.

O programa previsto é o seguinte:

  • Introdución, características da toponimia galega, estudo e clasificación da toponimia: orixe, significado. Gonzalo Navaza. 17, 19 e 24 de xaneiro

  • Talasonimia. Os nomes do mar. Xosé Lois Vilar. 25, 27 e 29 de xaneiro
  • Didáctica da toponimia. Xulia Marqués. 1 e 3 de febreiro

As xornadas desenvolveranse no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra os días 17, 19, 24, 25, 27 de xaneiro (de 17.30 a 20.30 horas), 1 e 3 de febreiro (de 17.30 a 19.30 horas). A saída de campo do sábado 29 de xaneiro será en Monteferro (Nigrán) e na Serra da Groba, para a que haberá que facer unha inscrición á parte.

As persoas interesadas deberán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Rúa do Arcebispo Malvar, núm. 1. Fax: 986 851 800. normalizacionlinguistica@concellopontevedra.es

Tríptico en PDF