Arquivo da categoría: Novas

Probas para o CELGA 2011

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 10 de febreiro de 2011 a convocatoria de probas para a obtención dos certificados  en lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2011.

En Galiza haberá unha única convocatoria no mes de xuño, e na nosa provincia só se poderán facer os exames en Vigo.

Convocatoria de xuño:
-Celga 1: 26 de xuño
-Celga 2: 19 de xuño
-Celga 3: 25 de xuño
-Celga 4: 18 de xuño

O prazo para inscribirse nestas probas remata o 29 de abril, e o importe das taxas correspondente é de 15.61 €.

Pódese consultar aquí a convocatoria completa.

Catequese e liturxia en galego

Xa non hai escusa para non utilizar a nosa lingua na Igrexa.

Se antes non a debía haber, sobre todo cando a maioría dos fregueses galegos falan galego, cando menos no adro, agora hai unha nova ferramenta que vai facilitar a galeguización da liturxia, os actos relixiosos e máis a catequese.

O coro parroquial de Mondariz vén de divulgar a web XA NOS TES AQUÍ,  na que recollen música e recursos en lingua galega de utilidade para as celebracións relixiosas e mais a catequese.  Alén desta páxina web, contan tamén cun blog co mesmo nome, no que tamén pretenden compartir o que foron recollendo durante anos, para que se convirta nun ”  cruceiro de camiños, un lugar de encontros e conversas. Un xeito máis de compartir”.

Velaquí pois a oportunidade para os coros, parroquias, colexios e colectivos relixiosos que desexen desenvolver a súa actividade en galego. 

Parabéns.

Galeguizar Galicia TV

A lingua galega volve ser visible a través dunha canle de televisión.

No mes de decembro falabamos de Lingua Galega TV, un portal de televisión por internet dedicado integramente á divulgación, promoción e coñecemento da lingua galega.

Desta volta os colectivos que forman parte de galeguizargalicia.com acaban de pór en marcha a canle galeguizargalicia.tv, a través da que difunden os vídeos das súas actividades a prol da lingua.

O Foro Enrique Peinador, a Asociación Álvaro das Casas, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, a Fundación Lois Peña Novo, a Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, puxeron en marcha a canle :

Galeguizargalicia.tvO obxectivo desta nova canle de TV é  darlle maior difusión a todas as iniciativas relacionadas coa lingua galega e coa súa proxección social. Rretransmitirá en directo os actos públicos programados, así como mesas redondas, reportaxes e mensaxes publicitarias. E ademais recuperará aqueles fitos históricos nos que participou dende os seus inicios e que serviron para visibilizar a lingua galega nos diferentes eidos da vida colectiva dos galegos e galegas.

Entre eles atopamos algún que ten moito que ver co noso concello. Poñemos aquí o vídeo gravado en Redondela co gallo da homenaxe a Ramón Cabanillas en xuño de 1997.

Témoslle LEI

A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela vén de promover unha nova campaña de normalización lingüística. Baixo o lema Témoslle LEI,  as Comisións de Normalización Lingüística xunto co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade elaboraron uns materiais que servirán de soporte a esta campaña, coa que pretenden estender o uso da lingua galega no ámbito do dereito e as leis.

Baixo a definición de cabeceira “TERLLE LEI (a algo ou alguén): gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprezo“, pretenden incrementar e mellorar o uso do galego na docencia, para acadar en tres cursos o 30% das horas de clase na nosa lingua.

Para iso elaboraron un PLAN que inclúe as máis diversas actividades (obradoiros, revistas, vocabularios, concursos ou novos materiais docentes), co obxectivo final de mellorar as competencias e actitudes lingüísticas entre a comunidade universitaria e, por extensión, ao ámbito da xustiza.

Entre os materiais atópase un folleto explicativo da campaña, un CD que inclúe lexislación en lingua galega, lexislación lingüística e recursos lingüísticos, e un decálogo para ser lingüísticamente sustentable. (Pódense ver na ligazón máis arriba).

Témoslle Lei- Os profesionais opinan from temosllelei on Vimeo.

No vídeo da campaña varios profesionais do mundo da xustiza e da administración pública, así como profesores do centro opinan sobre a utilización do galego neste eido e animan a utilizalo en maior grao. Participan: Carlos Varela (fiscal xeral de Galicia), Luís Villares (xuíz da Fonsagrada), Paz Filgueira (maxistrada do Social en Santiago), Evaristo Nogueira (decano do Colexio de Avogados de Santiago), Xaquín Monteagudo (secretario do Concello de Outes) e os profesores da Facultade Antonia Nieto Alonso (coordinadora da Comisión de Normalización Lingüística) e José A. Gómez Segade (catedrático de Dereito Mercantil).