Arquivo da categoría: Novas

Curso de CELGA 1 en liña

A partir do vindeiro mes de abril poderase facer un curso de CELGA 1 en liña.
A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vén de convocar tres cursos en liña para a preparación das probas conducentes á obtención do Celga 1.

Esta convocatoria de formación a través de internet está dirixida a persoas maiores de 16 anos que estean interesadas en preparar a proba do Celga 1 e que posúan coñecementos informáticos básicos.

As prazas dispoñíbeis son 150, que se distribuirán en 3 cursos. Cada un deles contará cun titor ou titora que fará o seguimento do curso e que resolverá as dúbidas e fará as correccións. Desenvolveranse entre o 4 abril e o 15 de xuño (10 semanas).

As persoas que desexen participar nesta actividade formativa deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • DNI con letra
  • Enderezo electrónico e teléfono de contacto
  • Lugar de residencia
  • Nivel de estudos

O prazo de matrícula remata o 20 de marzo.

A selección das persoas admitidas farase por rigorosa orde de matrícula até cubrir as 150 prazas dispoñíbles.

Pódese consultar aquí a convocatoria completa, ou solicitar información nos teléfonos: 981 957654 – 981 544402 – 981 546835.

Malos tempos para o audiovisual galego

Por desgraza o cinema galego, invisible nas salas comerciais, tamén agora vai deixar de estar visible a través dunha plataforma que axudaba a divulgalo en rede e de balde. FLOCOS.TV deixou de existir, e xa non imos ter accesibles os centos de traballos audiovisuais difundidos a través desta plataforma dende o ano 2008. Xa que logo, algunhas das nosas referencias xa non serán válidas.

Deixar morrer un proxecto tan ambicioso e necesario para a promoción e divulgación da creación audiovisual galega é unha verdadeira mágoa, e unha irresponsabilidade permitir que o traballo e o investimento de persoas e recursos queden ocultos,  no esquecemento.

Agardamos que, polo menos,  siga funcionando o proxecto de CINEMAS DIXITAIS, para seguir a darnos a oportunidade de ver o noso cinema en espazos non comerciais.

E aproveitemos que xorden voces comprometidas que van loitar pola súa recuperación. Agora é  o momento de apoialas, e de pedir tamén como consumidores e consumidoras que o cine galego estea nas salas comerciais.

Novas ferramentas en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Microsoft veñen de presentar as versións en galego dos últimos produtos tecnolóxicos: Windows7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint.

Estas novas aplicacións son gratuítas e están accesibles na páxina web da SXPL.

Estas ferramentas tecnolóxicas garantirán que a nosa lingua estea presente tamén nos programas de maior uso social e profesional, e facilitarán o desenvolvemento das relacións sociais e laborais en lingua galega.

A campaña denomínase VIVE EN GALEGO, e inclúe sistemas operativos, programas informáticos e outros paquetes ofimáticos de libre descarga.

Pero ademais inclúe un video promocional ben suxerente e reflexivo.

Poesía galega en rede

O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación de Poesíagalega.org, un web produto da colaboración entre Culturagalega.org, o portal en Internet desta institución, e mais do Grupo Alea de Análise Poética da Universidade de Santiago.

A iniciativa defínese como unha “base de datos e repositorio dixital sobre poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos”, e aspira a enriquecer e revolucionar a investigación e o acceso á poesía. Nestes momentos xa conta con  200 documentos na súa base de datos entre textos, fotografías, vídeos e outros contidos.
En si mesmo non é unha base de datos de poesía, senón sobre estudos encol da poesía, que alén de servir de ferramenta para os estudosos vai permitir que se use como instrumento de aprendizaxe e divulgación para o profesorado de secundaria e para o púbico afeccionado.

Ademais incluirá a recuperación de libros que xa non se poden atopar nas librarías e recursos para comprender o fenómeno poético que van máis aló da poesía: performances, recitais ou mesturas de poesía con video ou fotografía completan os contidos que se poden atopar nesta iniciativa.