Arquivo da categoría: Lingua

Seguimento ou *seguemento

Estes días pasados, por mor da folga xeral convocada, e tamén a raíz da análise doutras convocatorias, escoitamos e lemos en diversos titulares dos medios de comunicación O *seguemento da folga…. E este é un erro relativamente frecuente que deberíamos evitar.

O certo é que o verbo SEGUIR, segundo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (RAG – ILGA, 2003), igual que acontece noutros verbos da 3ª conxugación como SERVIR, FERIR, MENTIR ou SENTIR, ten alternancia vocálica, isto é: nalgunhas formas verbais hai un cambio na vogal da raíz do verbo. Así dicimos eu sigo, pero ti segues, el segue ou eles seguen (con vogal aberta), ou nós seguimos e vós seguides, con vogal pechada. Porén a alternancia vocálica nestes verbos só se dá no presente de indicativo (que acabamos de pór), no presente de subxuntivo – SIGA – (todo o paradigma con i), e no imperativo – SIGUE, SEGUIDE -.

O substantivo proposto, SEGUIMENTO (que expresa a acción e o efecto de seguir), é derivado do verbo seguir e mantén, polo tanto, a mesma raíz ca este.