Arquivo da categoría: Lingua

Probas de coñecemento de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia que o prazo para inscribirse nas probas para obter os certificados de lingua galega (CELGA) rematan o vindeiro venres 29 de abril.

O CELGA é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. A diferencia de anos anteriores, durante o 2011 só se realizará unha convocatoria destas probas en Galicia, que se celebrará no mes de xuño. Así pois, todas as persoas interesadas deberán formalizar as súas inscricións antes da fin deste mes de abril.

O calendario das probas, que se desenvolverá nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo, en fins de semana,  será o seguinte:

CELGA 4: 18 de xuño

CELGA 2: 19 de xuño

CELGA 3: 25 de xuño

CELGA 1: 26 de xuño

A estas probas para a obtención dos certificados oficiais poderán presentarse todas aquelas persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finalizar o ano.

Deberán facer a liquidación das taxas (15.61 €) en calquera entidade financeira, e entregar o xustificante do pagamento xunto á folla de inscrición na Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo o modelo do anexo I da convocatoria.

Pódese ver a convocatoria completa na seguinte ligazón.

Xogando coa lingua, obradoiro infantil nas vacacións

Os nenos e nenas de 4 a 12 anos poderán asistir aos obradoiros XOGANDO COA LINGUA, organizados pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística, que se celebrarán nos días laborables da Semana Santa.

O obxectivo desta actividade é favorecer a conciliación da vida laboral das familias durante os períodos de vacacións do curso escolar e, ao mesmo tempo, aproveitar para dinamizar e enriquecer o lecer dos cativos e cativas con recursos en lingua galega.

Este achegamento da lingua galega aos nenos e nenas redondeláns pretende tamén mellorar a súa competencia lingüística, e para iso utilizaranse xogos e diferentes actividades lúdicas. Desenvolverase no Multiusos da Xunqueira de Redondela os días laborables da Semana Santa, é dicir, luns 18, martes 19 e mércores 20 de abril, en horario de 11 a 13 horas.

A ASOCIACIÓN XUVENIL XARUME é a encargada do desenvolvemento desta actividade, na que os monitores utilizarán exclusivamente a lingua galega como lingua vehicular, e na que os/as participantes poderán facer diferentes xogos, actividades musicais, xogos de palabras e elaboración de xoguetes con material reciclado.

Para participar será preciso realizar a inscrición previamente, que será atendida por rigorosa orde de solicitude, no CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 , ou chamando ao teléfono 986 40 80 43.


8 anos da Galipedia

A Galipedia, o nome co que se coñece a Wikipedia en galego, cumpriu oito anos de existencia o pasado 8 de marzo.

Trátase dunha enciclopedia colaborativa en lingua galega aberta á participación de todo o mundo, unha das enciclopedias mantidas pola Fundación Wikimedia (organización sen ánimo de lucro), que ten como máximo expoñente a Wikipedia en inglés.

Ao valor enciclopédico deste proxecto engádeselle o mantemento e promoción do idioma galego, que axuda a transmitir o coñecemento dende a nosa lingua a todo o mundo e en todos os eidos do saber.

Grazas ao esforzo das persoas colaboradoras, a Galipedia medra a un ritmo duns 1.000 artigos ao mes. E este é o seu maior reto para o futuro: conseguir novos colaboradores que fagan que os artigos existentes sexan cada día mellores, achegando nova información e puntos de vista.

A Galipedia anima, e nós secundamos tamén este ofrecemento, a que toda aquela persoa que queira poida contribuír a espallar o coñecemento na nosa lingua.

A cuarta parede, cinema en galego

Aínda que nas salas comerciais é case inexistente o cinema en lingua galega, a nosa lingua vai ser un pouco máis visible  no mundo do cinema a travé dunha web de recente creación sobre cinema. 

A CUARTA PAREDE é o nome desta plataforma que se converte na primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica.

Nela pódense ver dende as críticas das películas máis comerciais, as que están na actualidade na grande pantalla dos cinemas, até o cinema independente ou o cinema portugués actual.

E falando de cine galego, a través da páxina da Axencia Audiovisual Galega tamén podemos saber das últimas novidades do cinema do país,  visualizar os tráilers das longametraxes e moitas das curtas que se fan en Galiza a través do portal de FLOCOS.TV

A nosa lingua está cada vez máis visible, tamén no cine.