Arquivo da categoría: Lingua

Día Europeo das Linguas

Hoxe celebramos o Día Europeo das Linguas, unha efeméride instituída polo Consello de Europa hai xa dez anos, que pretende facer reflexionar respecto do multilingüismo e a diversidade cultural e, asemade, promover a sensibilización  da poboación europea cara ás diferentes linguas, especialmente cara as máis minoritarias, que merecen o mesmo respecto que as maioritarias pero que precisan máis estímulo e promoción.

Con relación a estas linguas que están en situación de desvantaxe e en maior risco de desaparición, aprobouse en 1992 un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, co obxectivo de protexer a diversidade lingüística histórica dos Estados.

Este ano tamén se celebra o décimo aniversario da ratificación deste tratado por parte de España, que se comprometeu a favorecer o uso das linguas faladas nos distintos territorios do Estado español en ámbitos como o ensino, a xustiza, a administración e os servizos públicos, os medios de comunicacion, as actividades culturais, a vida social e económica e os intercambios transfonteirizos.

Pódese ver nesta presentación elaborada polo Consello de Europa (e traducida ao galego pola SXPL), algúns datos de interese que convidan á reflexión, e que poden incidir na sensibilización social.

Tamén se pode consultar máis información e recursos nas seguintes ligazóns:

As linguas en Europa (LOIA)

Europa: unha realidade plurilingüe (Caderno de lingua)

Linguas no mapa (LIGUAMON)

Linguas para o emprego (SXPL)

Refraneiro galego en liña

A tradición oral de Galicia pódese consultar agora utilizando as últimas novidades tecnolóxicas, a través dunha aplicación para móbiles que permite consultar máis de 10.000 refráns diferentes desde aparellos  como o iPhone, o iPod ou o iPad.

O Refraneiro Galego para iOS trata de achegar o patrimonio cultural galego e a nosa tradición oral ás tecnoloxías da información e as redes sociais. Pódese descargar para estes dispositivos móbiles, pero tamén se pode consultar a través das redes sociais FACEBOOK e TWITTER.

Baixo o lema “NON HAI REFRÁN VELLO QUE NON SEXA VERDADEIRO”, esta aplicación, que se vende por 0,79 euros, permite consultar en modo offline (sen necesidade de estar conectado a internet) a extensa base de datos cos refráns que forman esta colección.  As consultas pódense facer de xeito aleatorio ou mediante  a busca por palabras, e permite tamén gardar os refráns preferidos na sección favoritos ou compartilos pola rede a través do correo electrónico, Facebook ou Twitter. Ademais inclúe un sistema de alerta opcional que permite recibir no teléfono un refrán diferente cada día ou cada semana sen ter que abrir a aplicación.

Conta tamén cunha versión reducida na rede, www.refraneirogalego.com, unha web que publica novos refráns diariamente e onde calquera pode enviar as súas suxestións.

A autoría desta aplicación é da xornalista coruñesa Pilar Mera, que actúa baixo o pseudónimo de Decrecemento feliz.

Así que, ánimo e a pescudar nel.

Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luis Regueira (RAG, 2010), desenvolvido dentro dun proxecto da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, xa está agora dispoñible na rede. Esta nova ferramenta en liña permite consultar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar.

O obxectivo principal deste recurso é ofrecer un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada (xornalistas, dobradores, profesorado, etc.), e tamén facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego. As consultas pódense facer en liña a través dun buscador no que poden introducirse palabras ou cadeas de caracteres. A páxina de resultados devolve a forma, a categoría gramatical, a transcrición e o arquivo de voz.

Deste xeito o dicionario en liña contribuirá tamén á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, pois difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego.

Pódese acceder premendo nesta ligazón.

Toponimia no seu sitio

Os topónimos son os nomes de lugar, e do seu estudo encárgase a toponimia, ciencia incluída dentro da onomástica (o estudo científico dos nomes propios que busca o sentido, a etimoloxía e a evolución dos nomes, ben sexa de lugar (toponimia), de persoa (antroponimia), de animais (zoonimia) ou doutros obxectos personalizados).

O curioso é que os nomes propios, tal como di a súa propia definición, responden a cousas que teñen un carácter singular, único, tanto que sexan de persoas coma de lugares. E aínda así, atopamos constantemente nomes de lugar deturpados que non fan máis que atacar a súa propia natureza, ben por deformacións erróneas do nome orixinal, ben por traducións a outras linguas.

No caso dos topónimos galegos os erros máis frecuentes son a súa tradución ao castelán, como se os nomes propios tiveran tradución. Así pois debemos rexeitar e denunciar os usos erróneos de nomes como *Sanjenjo, *Villagarcía de Arosa o *Puenteareas, no canto dos seus nomes correctos e oficiais SANXENXO, VILAGARCÍA DE AROUSA OU PONTEAREAS.

A Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983, do 15 de xuño), establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galicia é a galega. Esa determinación dos nomes oficiais correspóndelle á Xunta de Galicia (agás no caso das vías urbanas, que é responsabilidade dos concellos). Nós xa reclamamos dende o SNL a súa correcta utilización e a sinalización conforme á toponimia oficial, e así seguiremos no futuro.

O grupo de especialistas encargado de determinar os nomes oficiais é a Comisión de Toponimia, formada por expertos na materia. Os resultados dese estudo científico deu lugar á publicación, no ano 2003, do Nomenclátor, que determinou a fixación da toponimia oficial,  que é a que se debe utilizar e a única válida para todos os efectos.

No noso país o número de topónimos é altísimo, pola súas particularidades xeográficas, e os topónimos menores constitúen un enorme patrimonio de grande importancia científica e cultural. Por iso, rematada a fixación de todas as entidades de poboación, a Comisión de Toponimia aborda na actualidade a recollida exhaustiva de toda a microtoponimia viva no Proxecto Toponimia de Galicia, proxecto no que tamén imos colaborar dende o Concello de Redondela.

Pódese obter máis información nas seguintes ligazóns, e ante calquera dúbida consultar a Toponimia oficial de Galicia

Toponimia na páxina da SXPL
SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia)

AGON (Asociación Galega de Onomástica)