Arquivo da categoría: Formación

Curso de CELGA 1 en liña

A partir do vindeiro mes de abril poderase facer un curso de CELGA 1 en liña.
A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vén de convocar tres cursos en liña para a preparación das probas conducentes á obtención do Celga 1.

Esta convocatoria de formación a través de internet está dirixida a persoas maiores de 16 anos que estean interesadas en preparar a proba do Celga 1 e que posúan coñecementos informáticos básicos.

As prazas dispoñíbeis son 150, que se distribuirán en 3 cursos. Cada un deles contará cun titor ou titora que fará o seguimento do curso e que resolverá as dúbidas e fará as correccións. Desenvolveranse entre o 4 abril e o 15 de xuño (10 semanas).

As persoas que desexen participar nesta actividade formativa deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • DNI con letra
  • Enderezo electrónico e teléfono de contacto
  • Lugar de residencia
  • Nivel de estudos

O prazo de matrícula remata o 20 de marzo.

A selección das persoas admitidas farase por rigorosa orde de matrícula até cubrir as 150 prazas dispoñíbles.

Pódese consultar aquí a convocatoria completa, ou solicitar información nos teléfonos: 981 957654 – 981 544402 – 981 546835.

Probas para o CELGA 2011

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 10 de febreiro de 2011 a convocatoria de probas para a obtención dos certificados  en lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2011.

En Galiza haberá unha única convocatoria no mes de xuño, e na nosa provincia só se poderán facer os exames en Vigo.

Convocatoria de xuño:
-Celga 1: 26 de xuño
-Celga 2: 19 de xuño
-Celga 3: 25 de xuño
-Celga 4: 18 de xuño

O prazo para inscribirse nestas probas remata o 29 de abril, e o importe das taxas correspondente é de 15.61 €.

Pódese consultar aquí a convocatoria completa.

Cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 12, do 19 de xaneiro de 2011).

O Servizo de Normalización Lingüística vai solicitar que se imparta algún destes cursos no noso concello. Así pois, solicita a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou no teléfono 986 402842, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a inscrición nos mesmos.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 22 de febreiro, e na petición deberán constar: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A organización de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións. Polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía, que queira mellorar a súa competencia en lingua galega, a que solicite esta formación.

Os cursos, que se desenvolverán entre finais de marzo e o 15 de xuño, son de acceso libre e de balde.

Aquelas persoas que prefiran asistir a algún dos cursos convocados noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria) para algún dos cursos xa programados. E se algún colectivo quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

Cursos CELGA e linguaxe administrativa nas EOI

A Consellería de Educación vén de publicar no DOG de hoxe a convocatoria de cursos de lingua galega CELGA e de linguaxe administrativa galega, que se impartirán en 2011 nas EOI (Escolas Oficiais de Idiomas) de Galicia.

Os cursos son gratuitos e organízans en dúas quendas: a primeira en febreiro-marzo, e a segunda en outubro.

Para a primeira quenda o prazo é de 20 días naturais a partir de hoxe, e a inscrición haina que facer na secretaría da EOI onde se queira asistir ao curso, cubrindo o ANEXO I para os cursos de linguaxe administrativa, e o ANEXO III para os CELGA.

Nas EOI máis próximas ao noso concello, Vigo e Pontevedra, programáronse os seguintes cursos para a primeira quenda:

CELGA
Centro Nivel Data de inicio Data de fin Horario Días
EOI Vigo Celga 1 febreiro xuño 18.00 – 20.00 Mércores e venres
EOI Vigo Celga 4 febreiro xuño 10.30 – 12.30 Martes e xoves
EOI Vigo Celga 4 febreiro xuño 18.00 – 20.00 Mércores e venres
LINGUAXE ADMINISTRATIVA
Centro Nivel Data de inicio Data de fin Horario Días
EOI Pontevedra Medio febreiro maio 9.00 – 12.00 Martes e xoves
EOI Pontevedra Superior febreiro maio 9.00 – 11.00 Luns, mércores e venres
EOI Pontevedra Superior febreiro maio 12.00 – 15.00 Luns e mércores
EOI Pontevedra Superior marzo maio 16.30 – 19.30 Martes e xoves
EOI Vigo Medio febreiro xuño 9.00 – 11.00 Martes e xoves
EOI Vigo Superior febreiro xuño 9.00 – 11.00 Mércores e venres