Arquivo da categoría: Formación

Inscrición nos cursos CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para as solicitudes de cursos de lingua galega para persoas adultas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2012).

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela vai solicitar que algún destes cursos se poidan desenvolver no noso concello, para o que pide a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou do teléfono 986 400300, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a súa inscrición.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 26 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A celebración de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións, polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. En función da demanda poderanse solicitar un ou máis cursos de diferentes niveis.

Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor conveñan á maioría das persoas inscritas.

Tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos convocados xa noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), e para solicitalos as persoas interesadas poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria). E se algún colectivo ou asociación quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón.

 Para máis información poden contactar co SNL, na Casa do Concello (Rúa Alfonso XII, 2), ou no teléfono 986 400300.

 

Congresos e xornadas sobre a lingua

Dentro do PROXECTO CAMIÑO DAS CULTURAS E DAS LINGUAS, do que xa falamos anteriormente, vaise desenvolver os vindeiros 21 e 22 de outubro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o congreso “As linguas e culturas do Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro“.

Este simposio centra a súa actividade arredor da historia común das linguas e culturas das diferentes rexións de Europa, apreciando o pasado común para proxectarse conxuntamente cara ao futuro. No proxecto, xunto  con outras institucións de diversos territorios de España e de Europa, colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro do programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea.

A asistencia é de balde. Pódese obter máis información nesta ligazón.

Por outro lado, e seguindo con xornadas sobre a lingua, a Facultade de Ciencias da Educación da Coruña acolle as IV Xornadas sobre normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación, que terán lugar os días 7, 8, 14 e 15 de novembro, co subtítulo: EDUCANDO EN GALEGO, A NOSA RESPONSABILIDADE.

Baixo o título de “Tour de lecturas do oeste” o Salón de Graos desta facultade acollerá esta edición centrada na dinamización a través da lectura. A participación nestas xornadas é de balde e hai un total de 75 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición,  no Decanato da Facultade.

Podes consultar aquí o PROGRAMA.

Ademais, entre o 30 de novembro e o 1 de decembro, o Parninfo da Reitoría da Universidade da Coruña acolle, un ano máis, as Xornadas sobre lingua e usos, centradas nesta edición na ECOLINGÜÍSTICA, que organiza o SNL da Univ. da Coruña en colaboración coa RAG.

A inscrición é gratuíta e pódese facer ata o 25 de novembro.

Descarga aquí o programa.

Cursos de linguaxe administrativa para persoal da administración local

A EGAP (Escola Galega de Administración Pública), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal das administracións locais de Galicia.

Os cursos convocados inclúen 5 edicións de linguaxe administrativa de NIVEL MEDIO, na modalidade de TELEFORMACIÓN, e outras 5 edicións de linguaxe administrativa de NIVEL SUPERIOR, na modalidade PRESENCIAL.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de abril, e poderase facer a través do enderezo elctrónico

http://egap.xunta.es/matrícula

Pódese consultar a convocatoria completa na seguinte ligazón.

Curso CELGA 3 en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela informa que o vindeiro luns, 4 de abril de 2011, comezará a desenvolverse un curso de lingua galega CELGA 3 en Redondela.

Este curso inclúese  dentro da convocatoria de cursos para colectivos de Galicia, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está destinado a todas aquelas persoas que desexen acadar ou mellorar a súa competencia en lingua galega, partindo duns coñecementos básicos, ou que queiran presentarse ás probas para a obtención do certificado do nivel de coñecemento da lingua galega CELGA 3.

O curso desenvolverase de luns a xoves, na sala infantil da biblioteca no Multiusos da Xunqueira, en horario de 20.00 a 22.00 horas, e é gratuíto.

As persoas interesadas en facelo, e que non estean inscritas con anterioridade no mesmo, poderán realizar a súa reserva de praza no Servizo de Normalización Lingüística (na planta baixa da Casa do Concello), no teléfono 986 402842, ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.info