Arquivo da categoría: Formación

Curso CELGA 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar unha nova edición do curso en liña do nivel CELGA 1,  dirixido a aquelas persoas maiores de 16 anos que teñan coñecementos informáticos a nivel de usuario e que estean interesadas en realizar a proba para obter esa certificación.

O prazo de inscrición remata o 14 de marzo, e o curso desenvolverase do 26 de marzo ao 1 de xuño de 2012.

As probas para a obtención da correspondente certificación celebraranse en Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona e Ponferrada o 10 de xuño.

As persoas que desexen matricularse deberán enviar un correo electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seus datos,  enderezo electrónico,  teléfono de contacto,  lugar de residencia e mais o nivel de estudos.

Pódese consultar aquí a CONVOCATORIA.

Curso CELGA 4 en Redondela

A Secretaria Xeral de Política Lingüística vén de conceder un dos dous cursos CELGA solicitados para o Concello de Redondela.

O vindeiro luns, 12 de marzo, comezarán as clases do curso preparatorio para a obtención do  CELGA 4 en Redondela. A actividade formativa desenvolverase os luns, mércores e xoves, de 20.00 a 22.00 horas, na Sala infantil da Biblioteca, situada no primeiro andar do Multiusos da Xunqueira, en Redondela.

A asistencia ás clases está limitada, inicialmente, ás persoas que fixeron a súa inscrición nas datas fixadas anteriormente.

De haber algunha outra persoa interesada poderá solicitar a súa inclusión nunha lista de agarda, por se se produciran vacantes, no Servizo de Normalización Lingüística (na planta baixa da Casa do Concello), ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.info

 O curso preparatorio para o CELGA 2  queda fóra da programación por falta de dotación orzamentaria.

Curso de toponimia

O IEM (Instituto de Estudos Miñoranos) e os concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense, en colaboración coa Universidade de Vigo, organizan o Curso de formación de especialistas en toponimia, que se celebrará durante o mes e marzo en Vigo, Pontevedra e Gondomar.

O obxectivo é formar especialistas en recollida da toponimia, para contribuír a recuperar esta parte tan importante do noso patrimonio cultural e lingüístico.

Desenvolverase  os días: 2, 3, 9, 10, 16, 17, 23 e 24 de marzo de 2012.

Dende hoxe e ata o 22 de febreiro estará aberta a inscrición para as persoas interesadas, que deberán formalizar a súa matrícula enviando o currículo ao enderezo electrónico:  oficina@minhor.org. O límite de prazas é de 40 persoas, e ten un prezo de 30 € para persoas traballadoras e 15 € para desempregadas ou estudantes.

O curso desenvolverá distintos aspectos de interese no estudo e recollida da toponimia, e nel intervirán persoas expertas na materia como Gonzalo Navaza, Ana Isabel Boullón, Vicente Feixóo, Roberto Rodríguez, Emili Casanova, Xosé Henrique Costas, Xosé Lois Vilar, Lorena Carrasco, Anxo Rodríguez, Dolores Ferro, Xosé Manuel Souto, Alberto Rodríguez, Xesús Saavedra, Xesús Costas, Marcial Rodríguez, Luís Bará, Marta Souto, Luz Méndez, Xavier Gomila, Pilar Barreiro e Xulia Marqués.

O Concello de Redondela participa como entidade colaboradora.

Tríptico con ficha de inscrición en pdf

Inscrición nas probas para a obtención dos CELGA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (DOG núm. 11, martes, 17 de xaneiro de 2012) a convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis CELGA 1, 2, 3 e 4, no ano 2012.

Pódense inscribir nas mesmas as persoas maiores de 16 (ou que os cumpran en 2012), logo de pagar as correspondentes taxas de dereitos de exame (15.61 €).

As probas desenvolveranse nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, nas seguintes datas:

CELGA 4: 2 de xuño de 2012

CELGA 2: 3 de xuño de 2012

CELGA 3: 9 de xuño de 2012

CELGA 1: 10 de xuño de 2012

 O prazo para realizar a inscrición remata o 3 de abril de 2012.

As persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística para solicitar información e o impreso de solicitude.