Arquivo da categoría: Formación

Convocatoria de cursos CELGA

No Diario Oficial de Galicia (DOG), do pasado 8 de marzo de 2017, ofertáronse os cursos de preparación para o exame Celga nos niveis 1, 2, 3 e 4. Os cursos son de balde e comezarían a partir do 18 de abril.

O nivel 1 non será presencial. Os outros tres (2, 3 e 4) impartiranse en distintos centros da provincia de Pontevedra.

En Redondela non se ofertou ningún dos niveis. A continuación indicamos cales quedan máis próximos segundo o seu nivel.

Nivel 2, Valga. Martes, mércores e xoves, de 17 a 20h.

Nivel 3, Moaña. De luns a venres, de 19 a 21h.

Nivel 4, Vigo e Pontevedra. De luns a venres, de 20 a 22h.

Os formularios que se deben presentar encóntranse no citado DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG0164-010317-0002_gl.html

Para máis información, poden chamar ó SNL de Redondela (986 400 300) ou á Secretaría Xeral de Política Lingüística (881 996 313 /881 996 310 / 881 996 308).

 

Curso de lingua e cultura galegas en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística organiza un Curso de lingua e cultura galegas para persoas adultas, que se desenvolverá dende o 9 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2017.

Está destinado a persoas maiores de idade que estean interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas, persoas non escolarizadas en galego na súa etapa formativa ou procedentes de fóra de Galicia que vivan no concello de Redondela.

CARTEL LINGUA E CULTURA - IMPRESION

O curso desenvolverase na Casa da Cultura de Redondela e constará de 30 horas lectivas, repartidas en tres sesións semanais (luns, mércores e xoves, de 11:00 a 12:30 h), e será maiormente práctico, cuns mínimos contidos teóricos. O obxectivo é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e cultura galegas a partir da oralidade, do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades.

Esta actividade formativa e de socialización en lingua galega permite participar a persoas non habituadas a escribir ou falar en galego, que descoñecen a nosa lingua ou que queren mellorar a súa competencia lingüística. Ao mesmo tempo, promove o coñecemento da cultura e a historia de Galicia, das súas principais manifestacións, e da historia, a toponimia e as manifestacións culturais máis importantes de Redondela.

O obxectivo desta actividade formativa é facilitar a integración na sociedade galega e redondelá a persoas procedentes de fóra, promover o intercambio cultural e lingüístico, e contribuír a mellorar a competencia lingüística da veciñanza redondelá.

A inscrición é de balde e debe formalizarse entre o 1 e o 20 de decembro no Servizo de Normalización Lingüística (multiúsos da Xunqueira, oficina 4 – baixo), ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou do teléfono 986 400 106.

COÑECENDO REDONDELA, arquitectura e microtoponimia para a rapazada

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan unha nova actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia para a rapazada redondelá.

Baixo o título COÑECENDO REDONDELA, vanse celebrar uns talleres de arquitectura e microtoponimia para nenas e nenos, co obxectivo de divulgar entre a poboación infantil o patrimonio arquitectónico de Redondela, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia.

Cartel_coñecendo-Redondela

Analizarase a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, xeografía física e humana sobre a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.

Aspectos relacionados co asentamento da poboación no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.

Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá (de 9:30 a 11:30, e de 12:00 a 14: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 1 de setembro no teléfono 986 400 106 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.es.

I Concurso de teatro radiofónico escolar

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Radio Municipal de Redondela, organiza o I Concurso de teatro radiofónico destinado a alumnado de 3º ciclo de primaria e ESO.

Bánner_concurso_teatro radiofónico

Para a preparación das pezas teatrais organizáronse unhas xornadas formativas nos centros de ensino que así o solicitaron, a través da Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística de Redondela, que se desenvolveron no curso 2014-15 e 2015-16, e nas que se deron pautas para a locución e dramatización dos textos teatrais escollidos. Estas sesións formativas foron impartidas por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro, e nelas participaron grupos de 8 centros educativos.

Unha vez que a dramatización das pezas foi ensaiada, o alumnado participante desprazouse á Radio Municipal de Redondela para facer as gravacións, que se realizaron entre abril e maio.

No mes de xuño realizarase o concurso entre as pezas de teatro radiofónico gravadas este curso e mais o curso pasado, que serán emitidas en Radio Redondela entre o 2 e o 17 de xuño no programa “A Estación” (entre as 12.30 e as 13.00 h – ou na redifusión entre a 1.30 e as 2.00 h), e poderanse escoitar tamén a través da páxina do Facebook do Servizo de Normalización Lingüística https://www.facebook.com/servizo.redondela/, e do seu perfil na plataforma SoundCloud: https://soundcloud.com/servizo-normalizaci-n-ling-stica-redondela/sets/teatro-radiofonico.

As persoas interesadas poderán facer as súas votacións entre o 18 e o 27 de xuño a través do correo electrónico radioredondela@hotmail.com ou do teléfono do SNL, 986 400 106 (en horario de 8 a 15.00 h). Para iso cada persoa terá que identificarse e só se computará un voto por persoa para cada unha das modalidades, que son as seguintes:

  • PREMIO Á MELLOR DRAMATIZACIÓN RADIOFÓNICA
  • PREMIO Á CALIDADE LINGÜÍSTICA

O resultado do concurso darase a coñecer o 28 de xuño, e as pezas gañadoras destas dúas modalidades terán como premio unha visita guiada ao Museo Meirande e unha viaxe en barco á Illa de San Simón para os compoñentes e profesorado responsable das pezas gañadoras, que se celebrará na primeira quincena de setembro de 2016.