Arquivo da categoría: Dinamización

Publicidade redondelá

PUBLICIDADE REDONDELÁ é unha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial. O obxectivo principal é promocionar os establecementos que usan o galego como lingua habitual e animar a outros a que dean o paso e desenvolvan a súa actividade na nosa lingua.

Este proxecto inclúe a divulgación de vídeos publicitarios dos establecementos (o primeiro deles é a presentación, NÓS OFRECEMOS), a través da rede, no que os propios comerciantes e propietarios presentan a súa actividade. Despois seguirán outros vídeos nos que darán os seus argumentos e animarán a outros establecementos a que fagan o mesmo.

Inclúe tamén a divulgación da campaña a través dunha páxina propia na rede social Facebook, PUBLICIDADE REDONDELÁ https://www.facebook.com/publicidaderedondela e no blog do Servizo de Normalización Lingüística http://servizonlredondela.blogaliza.org/.

No proxecto convídase á participación da poboación en xeral achegando referencias dos establecementos que traballan habitualmente en lingua galega. A proposta de participación inclúe a achega de fotos documentais ou pequenos vídeos, e datos dos establecementos. Está aberto a calquera negocio, establecemento comercial, hostaleiro ou empresa radicada no concello de Redondela ao que se lle dará publicidade de balde a través desta plataforma.

PROPOSTA DE PARTICIPACIÓN

  • Se tes un establecemento, negocio ou empresa no concello de Redondela e traballas habitualmente en galego, podes achegar fotografías ou un pequeno vídeo (de duración inferior a 60 segundos), onde se mostre a túa actividade. Tamén podes crear un perfil na rede social Facebook e facerte seareiro da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ onde se difundirá a túa actividade https://www.facebook.com/publicidaderedondela.
  • Se es unha persoa usuaria ou cliente dalgún establecemento que exerce a súa actividade en lingua galega, podes achegar os seus datos acompañados dalgunha foto que sirva de documento. Esa información divulgarase tamén a través da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ.

Toda a información deberá achegarse a través do correo electrónico redondelasnl@gmail.com

Dende o SNL promocionamos os establecementos comprometidos coa lingua galega!

VERSIÓN ORIXINAL, novo ciclo de cinema en galego

VERSIÓN ORIXINAL é o nome do ciclo de cinema en lingua galega, iniciado en 2013, que pretende achegar producións audiovisuais de calidade á poboación redondelá. As proxeccións, en alta definición, realizaranse de febreiro a abril, a venres alternos, no Auditorio da Xunqueira.

Esta actividade de dinamización lingüística pretende mostrar a riqueza e utilidade da lingua galega para as creacións audiovisuais, ao tempo que impulsa actividades de lecer en galego para toda a cidadanía. Ademais procura unha sensibilización da poboación cara ás creacións artísticas galegas e a necesidade de apoiar as producións que se fan en Galicia.

O ciclo vaise desenvolver do 7 de febreiro ao 4 de abril, e incluirá producións de recoñecido prestixio e calidade. Desenvolveranse os venres 7 e 21 de febreiro, 7 e 21 de marzo, e 4 de abril, ás 21.00 horas.

Nesta segunda edición exhibiranse cinco producións galegas de notable éxito nos últimos anos: Doentes, dirixida por Gustavo Balza, sobre o texto da obra teatral orixinal de Roberto Vidal Bolaño; Arraianos, dirixida por Eloy Enciso, e baseada parcialmente na obra O bosque de Jenaro Marinhas del Valle; 18 comidas, dirixida por Jorge Coira, premio Mestre Mateo 2011 á mellor longametraxe, entre outros premios; Costa da Morte, dirixida por Lois Patiño; e Tralas Luces, dirixida por Sandra Sánchez. Todas as producións son aptas para todos os públicos, agás a primeira que é recomendada para maiores de 7 anos.

O calendario é o seguinte:

venres 7 de febreiro:  DOENTES

venres 21 de febreiro:  ARRAIANOS

venres 7 de marzo:  18 COMIDAS

venres 21 de marzo:  COSTA DA MORTE

venres 4 de abril:  TRALAS LUCES

As entradas poderanse adquirir no Multiusos da Xunqueira dende 2 días antes a cada proxección e teñen un prezo de 3 €.

O LARETA recala en Chapela

Despois do éxito acadado coa celebración do Lareta 2013, o festival de monólogos de Redondela chega agora a Chapela a partir do sábado 18 de xaneiro.

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellaría de Cultura apostan, unha vez máis, pola dinamización lingüística a través dunha nova edición do festival de monólogos de Redondela, LARETA, que achegará catro novos espectáculos ao Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela durante dous sábados de xaneiro e dous de febreiro.

Ao obxectivo inicial da proposta, fomentar o uso oral da lingua galega e promover a creación artística daquelas persoas que apostan pola nosa lingua como ferramenta de traballo e comunicación, súmase agora o interese por achegala a outros espazos como o Piñeiral do Crego, e facer que a poboación de Chapela e das parroquias máis próximas teñan tamén acceso ás diversas propostas culturais.

O programa desta edición inclúe un contador-actor que xa estivo con grande éxito na anterior edición, Quico Cadaval (aínda que cun monólogo diferente), e outros tres que non estiveron aínda en Redondela: Víctor Fábregas e Patricia Vázquez para público adulto, e Celso Sanmartín para público familiar.

A entrada normal é de 4 € e a reducida a 2 € (para persoas xubiladas, estudantes e público infantil).


Cinema infantil para o Nadal

Este Nadal, dentro das actividades de lecer para os máis pequenos, e co obxectivo de mostrar a utilidade e riqueza da lingua galega na creación audiovisual, proxectaranse dous filmes galegos de animación de grande prestixio e recoñecemento: “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”.

As proxeccións desenvolveranse no Multiusos do Piñeiral do Crego en Chapela, e no Multiusos da Xunqueira en Redondela, con entrada libre e de balde.

O BOSQUE ANIMADO (2001), dirixida por Ángel de la Cruz, conta a vida no bosque, onde conviven en paz animais e árbores até que aparece un novo e estraño veciño: o poste. Cando a harmonía do entorno é alterada pola man do home, os moradores do monte loitarán para recuperala.

  • Luns, 23 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela.

  • Luns, 30 de decembro, ás 18.00h, no Auditorio da Xunqueira.

Foi a primeira longametraxe de animación europea en 3D e obtivo numerosos premios e recoñecementos, entre os que destaca o premio Goya á mellor produción de animación en 2002.

O SOÑO DUNHA NOITE DE SAN XOÁN (2005), dirixida por Ángel de la Cruz e Manuel Gómez, está baseada na obra de William Shakespeare.

Din as lendas que unha noite ao ano, no San Xoán, os humanos poden acceder ao Mundo Máxico. Elena, intelixente pero pouco soñadora, non cre en contos. Pero cando cae enfermo seu pai, o duque Teseo, ela está disposta a calquera cousa para lle devolver a ilusión. Mesmo ir na procura de Titania, a raíña das fadas. Mais o Mundo Máxico xa non é o que era…

  • Domingo, 29 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio da Xunqueira.

  • Luns, 30 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela.

No seu palmarés conta cun premio Goya da Academia Española á mellor película de animación en 2006.

A entrada é libre e de balde até completar aforamento.