Arquivo da categoría: Dinamización

Letras Galegas 2015

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan as actividades programadas para celebrar as Letras Galegas 2015, dedicadas este ano a Xosé Filgueira Valverde.

A Real Academia Galega decidiu dedicar as Letras Galegas 2015 ao insigne escritor e historiador pontevedrés, “para saldar unha débeda histórica que a RAG tiña con Filgueira Valverde”, en palabras do seu presidente Xesús Alonso Montero, quen “destaca o seu irreprochable compromiso coa defensa e promoción da cultura galega, así como o seu legado intelectual, que constitúe, pola súa amplitude e calidade, un dos máis importantes da segunda metade do século XX”.
A celebración das Letras Galegas 2015 no Concello de Redondela inclúe as seguintes actividades:

Letras Galegas 2015_web

Seguir lendo Letras Galegas 2015

VII Semana do libro, a festa das palabras

Un ano máis a colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais dá como resultado a programación da VII Semana do libro, a festa das palabras.

Cartel_mes do libro VII_completo

Esta programación esténdese a todo o mes de abril, e alén da exposición multilingüe que estará accesible nas salas de lectura das bibliotecas municipais, están a desenvolverse presentacións de libros e, como novidade, unha actividade teatral para escolares vencellada moi directamente co libro: a representación teatral do “Espantallo amigo” de Xosé Neira Vilas, da man da compañía Os Quinquilláns.

A actividade desenvolveuse en tres sesións no auditorio da Xunqueira e no Piñeiral do Crego, e asistiron, entre o 14 e o 15 de abril, máis de 700 alumnos e alumnas de ensino primario de centros educativos redondeláns, que levaron asemade ás súas casas un exemplar da obra “Espantallo amigo”.

Non perdades de vista o resto das actividades programadas.

Volve o cinema en galego co ciclo VERSIÓN ORIXINAL

Baixo o nome de VERSIÓN ORIXINAL continamos o ciclo de 2013 e 2014, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer en lingua galega e mostrar a súa riqueza e utilidade para as creacións audiovisuais. Ademais procuramos tamén a sensibilización da poboación para apoiar as producións que se fan en Galicia e o hábito a asistir a espectáculos na lingua propia.

Cartel_VersiónOrixinal2015A programación deste ano ofrece dous filmes, un para idades moi temperás e outro para público adulto, que se proxectarán o auditorio da Xunqueira, en alta definición.

O domingo 15 de marzo, ás 18.00 h, proxectarase o filme A tropa de trapo na selva do arco da vella, unha comedia de animación especialmente indicada para nenos e nenas de 2 a 6 anos, dirixida por Álex Colls e producida por Abano Producións, que estivo nominada ao premio Goya ao mellor filme de animación en 2014.

Seguir lendo Volve o cinema en galego co ciclo VERSIÓN ORIXINAL

DÍA DE ROSALÍA 2015

A Radio Municipal de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística súmanse á celebración do DÍA DE ROSALÍA 2015.

Para conmemorar novamente o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837), sumámonos á proposta da AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega) coa iniciativa “Eu son Rosalía“.

A nosa achega consistirá na gravación en Radio Redondela, entre os días 10 e 20 de febreiro, de lecturas da obra rosaliana ou de opinións e impresións sobre a súa obra, nas que cada persoa descubrirá con cal das múltiples “rosalías” e con que sensibilidades da autora se sente máis identificada. Neste caso, deberán comezar coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, seguindo a iniciativa da AELG.

Día de Rosalía2015

O horario para achegarse á emisora de Radio Redondela (situada no 2º andar da Casa da Cultura) para facer as gravacións é de 13 a 14.30 h, e de 17.30 a 19.00 h, de luns a venres.

As gravacións emitiranse durante a programación habitual de Radio Redondela na semana do 23 ao 27 de febreiro.

Os audios das gravacións de EU SON ROSALÍA pódense escoitar en SOUNDCLOUD SERVIZO NL REDONDELA