Arquivo da categoría: Dinamización

Xogando coa lingua, obradoiro infantil nas vacacións

Os nenos e nenas de 4 a 12 anos poderán asistir aos obradoiros XOGANDO COA LINGUA, organizados pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística, que se celebrarán nos días laborables da Semana Santa.

O obxectivo desta actividade é favorecer a conciliación da vida laboral das familias durante os períodos de vacacións do curso escolar e, ao mesmo tempo, aproveitar para dinamizar e enriquecer o lecer dos cativos e cativas con recursos en lingua galega.

Este achegamento da lingua galega aos nenos e nenas redondeláns pretende tamén mellorar a súa competencia lingüística, e para iso utilizaranse xogos e diferentes actividades lúdicas. Desenvolverase no Multiusos da Xunqueira de Redondela os días laborables da Semana Santa, é dicir, luns 18, martes 19 e mércores 20 de abril, en horario de 11 a 13 horas.

A ASOCIACIÓN XUVENIL XARUME é a encargada do desenvolvemento desta actividade, na que os monitores utilizarán exclusivamente a lingua galega como lingua vehicular, e na que os/as participantes poderán facer diferentes xogos, actividades musicais, xogos de palabras e elaboración de xoguetes con material reciclado.

Para participar será preciso realizar a inscrición previamente, que será atendida por rigorosa orde de solicitude, no CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 , ou chamando ao teléfono 986 40 80 43.


Presentación do mapa botánico en Laredo

O CEIP de Laredo inaugurou na mañá do 1 de abril o seu ROTEIRO BOTÁNICO no patio do seu centro.

A celebración, neste ano 2011, do ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES, fixo andar esta iniciativa que partiu do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, integrado na Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.

O proxecto, titulado “As fragas… para as persoas”, do CEIP de LAREDO, pretende chamar a atención e sensibilizar a comunidade educativa durante o curso escolar 2010-2011, para mellorar e enriquecer o coñecemento, comprensión, recuperación e conservación das masas arbóreas do seu contorno máis inmediato, e lembrar que son parte esencial da nosa cultura e da nosa lingua.

Elaboraron este MAPA BOTÁNICO, logo dun labor de clasificación e etiquetaxe das especies arbóreas existentes, así como unha audio-guía con códigos QR para os móbiles, que permite facer un seguimento do roteiro, escoitando as explicacións feitas polo alumnado para cada árbore ou arbusto. Cada especie arbórea foi sinalizada cunha placa na que vai toda a información relativa a ela, tal como figura na guía que se pode descargar aquí.

A presentación foi feita por alumnado de 6º de primaria, e completouse cunha guía lúdica dirixida pola especialista Pilar Araújo, de INTEGRA Futuros sostíbeis.


Este traballo, que contou coa colaboración e patrocinio das Concellarías de Medio Ambiente e Normalización Lingüística, quere ser a punta de lanza de futuros traballos de promoción conxunta do noso medio natural e da nosa lingua, para que os rapaces e rapazas sexan quen de apreciar o patrimonio natural e cultural, coa súa posta en valor e co coñecemento das especies arbóreas máis significativas do país.

Pódese obter máis información e descargar o roteiro na web do CEIP de Laredo http://centros.edu.xunta.es/ceipdelaredo/?page_id=355.

Farenheit, no Auditorio da Xunqueira

O Auditorio da Xunqueira acolleu esta mañá unha función teatral para alumnado de ensino secundario, patrocinada pola Concellaría de Normalización Lingüística.

Trátase do espectáculo Verbum FARENHEIT, realizado por Limiar Teatro en colaboración con Verbum, casa das palabras e Ponte nas Ondas,  inspirado na novela de Ray Bradbury Farenheit 451, pero ataviada con textos literarios de autores galegos (Rosalía de Castro, Vicente Risco, Castelao ou Neira Vilas mestúranse con Manuel Antonio, Martín Códax ou Lois Pereiro).

Verbum Farenheit é a historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delito, ler, nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios. Os libros están, nesta historia, preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro.

280 alumnos e alumnas do IES Chapela, IES Illa de San Simón, IES Pedro Floriani e IES Mendiño puideron presenciar esta obra na que se incidiu na liberdade, na necesidade de adquirir coñementos, de ler, e de lembrar os autores literarios como parte esencial da nosa vida e da nosa cultura.

Pódese consultar a unidade didáctica na seguinte ligazón.