Arquivo da categoría: Dinamización

Concerto-homenaxe a Lois Pereiro na Xunqueira

A programación das XEIRAS DA LINGUA, da Concellaría de Normalización Lingüística, presenta este xoves, 19 de maio, a última das actividades programadas: un concerto-homenaxe a Lois Pereiro, o escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2011. Neste acto de homenaxe ao poeta monfortino inclúese un concerto do músico arxentino-galego Manu Clavijo, precedido da presentación e achegamento á figura de Lois Pereiro que farán Xurxo Souto e Lino Braxe.

O polifacético, Xurxo Souto, foi o popular líder e vocalista da banda de rock “Os Diplomáticos de Monte-Alto” entre 1990 e 2001, e dende entón os seus diferentes traballos seguiron a ser unha plataforma de difusión da música galega de todos os tempos. Pero ademais salienta como escritor, coa publicación de cinco libros e colaboracións con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo os máis coñecidos A tropa da tralla, Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega, emisora da que tamén foi subdirector de programas. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira. Recentemente formou o grupo musical “Os 3 Trebóns“, onde se encarga da voz e máis do acordeón.

Lino Braxe é actor, director de teatro e escritor. Comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, ou Malbarate, entre outras, ademais de facer múltiples traballos como actor de dobraxe e radio. Foi un dos fundadores da revista Luzes de Galiza, na que tamén colaborou Lois Pereiro. Dende os comezos da súa andaina como actor de teatro participa en máis de vinte espectáculos, e como actor radiofónico en máis de trinta obras dramáticas e en seis seriais radiofónicas. Dobrou películas para cine, televisión e vídeo. Como actor de televisión participou en varias series da TVG, e en producións para televisión, e tamén en oito producións cinematográficas.

É ademais director de teatro, destacando nos últimos dez anos os seus traballos á fronte de Teatro Maltés, Teatro Proscrito ou Lagarta Lagarta. Poeta, cantante, dramaturgo, narrador, guionista e articulista de prensa. O seu coñecemento da obra de Lois Pereiro e do ámbito dos espectáculos poéticos fan a súa presenza imprescindible para achegarnos ao poeta.

O músico Manu Clavijo encargarase da parte musical. Cantante, compositor, guitarrista e violinista, comezou a estudar música con só 8 anos, e durante a súa adolescencia xa formou parte da Xove Orquestra de Galicia, da Orquestra da Comunidade de Galicia e máis da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Ademais formou parte do coro de cámara Madrigalia e doutros prestixiosos coros.

Como compositor colaborou en múltiples espectáculos teatrais e audiovisuais, en 2005 publica o disco-libro “O meu libro das sombras”, xunto a Francisco Brives, e dende 2007 imparte obradoiros de canción creativa no Fórum Metropolitano da Coruña e noutras institucións. Acompaña tamén a actores e escritores en recitais poéticos e monólogos. En 2010 estreou coa compañía CasahamletAo raso coas lebres”, un espectáculo poético-musical con textos de Rosalía de Castro. Na actualidade centra o seu traballo na promoción do seu disco en solitario “Un corazón de carne y hueso”, e na gravación de “Lois Pereiro. Canción última…”, no que pon música a poemas do autor monfortino.

O espectáculo celebrarase o xoves, 19 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio da Xunqueira.

A entrada é de balde.

Comedia teatral no Auditorio da Xunqueira

O sábado, 14 de maio, ás 20.00 h, no Auditorio da Xunqueira, a compañía teatral MÁSCARA PRODUCIÓNS representará a comedia Por diante… e por detrás, incluída dentro da programación das XEIRAS DA LINGUA.


A compañía Máscara Producións crease en Vigo no ano 1971, co nome de MÁSCARA-17 TEATRO INDEPENDENTE. A súa primeira montaxe “Cerimonia por un negro asasinado” non pode estrearse oficialmente xa que o Goberno Civil franquista prohibe a súa estrea. Aínda así, a compañía continúa co seu traballo, e entre os anos 1971 e 1980 estrean varios espectáculos entre os que cómpre salientar Cerimonia por un negro asasinado (de F. Arrabal) e El malentendido (de Albert Camus).

No ano 1974 o grupo toma a determinación de facer teatro só en galego, e así retómanse os espectáculos: A Pancarta, Acto sen verbas (de S. Beckett), e O Xeneraliño ( de Jorge Díaz), espectáculo infantil que participou na 7ª Mostra do Teatro Galego ABRENTE de Ribadavia, e na 5ª Mostra do Teatro Galego de Vigo, no ano 1979. No ano 1980 comeza o proceso de profesionalización que tomará corpo na montaxe Os Emigrados, do autor polaco S. Mrozek. A partir de entón a compañía comeza a facer representacións fóra de Galicia e concorre a diversos festivais de teatro da Península.

Tamén participan en diversas producións audiovisuais da man de Antón Reixa ou Chano Piñeiro, e realizan a serie “Contando contos” para a TVE en Galicia dirixida por Xulio González Lourenzo. E na radio realizan, para Radio Cadena Española e Radio Nacional de España, os programas “A pulga en celo” e “ Facemos entrar as matemáticas na movida?”, durante catro anos.

No ano 1996 comeza unha nova etapa da compañía, que pasa a chamarse MÁSCARA PRODUCIÓNS, baixo a dirección de Antón Casal e Xerome Calero.

Por diante… e por detrás

Xerome Calero e Antón Casal dirixen e adaptan unha esmendrellante obra de Michael Frayn, para verdadeiros amantes do feito teatral, que fai partícipe ao público da complexa armazón teatral. Todo se dirixe a demostrar que o teatro é pura convención, un xogo cheo de trampas, e que na medida en que as personaxes se divirten con ese xogo o público fai o mesmo.

O espectáculo preséntase como: “Unha histérica compañía de teatro, unha estrea e unha xira. Sardiñas, enredos sexuais e portas, moitas portas. Así é a comedia, así é o teatro… como a vida mesma. Unha ollada ao mundo do teatro por diante… e por detrás. Unha comedia onde todo o mundo é “pillado no acto”.

A obra é recomendada para público maior de 13 anos.

Poderanse facer reservas de entradas (a un prezo de 3€) no teléfono 986 402865.

Relatorio sobre Lois Pereiro na Casa da Cultura

Dentro da programación das XEIRAS DA LINGUA, o venres, 13 de maio, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o escritor Marcos Calveiro achegaranos á figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2011: o poeta monfortino Lois Pereiro.

Marcos Calveiro, recoñecido escritor de literatura infantil, xuvenil e de adultos, e destacado comunicador e relator, deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), as dúas moi ben valoradas pola crítica. En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Máis recentemente, obtivo o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008) e o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e o Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas. Tamén publicou dúas novelas: Festina lente, pola que recibiu diversos premios (da Crítica 2008, Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009), e Setteccento (2010). Como poeta publicou Cartas do terceiro día.

En 2011 publica Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais, 2011), unha particular visión a xeito de guión cinematográfico da biografía e da obra do poeta monfortino: a infancia e adolescencia nese universo do seu Monforte natal; os anos da revista Loia en Madrid; as viaxes europeas na procura de descubertas; os últimos días na Coruña, intentando sobrevivir; a familia, os amigos, a paixón e a escrita, que debulla nun emocionante relato feito con agarimo e admiración.

Memorias dun neno labrego, na Xunqueira

Cándido Pazó estará mañá na Xunqueira coas súas Memorias das Memorias dun neno labrego, incluída dentro da programación XEIRAS DA LINGUA das Letras Galegas 2011.


Este monólogo escénico-narrativo, está producido por Abrapalabra, creacións escénicas en colaboración co AGADIC, e baséase no libro homónimo de Xosé Neira Vilas, que está a representarse en numerosos lugares de Galicia e da Arxentina. O obxectivo é recoñecer e homenaxear o autor e a súa obra, no 50 aniversario da súa primeira edición.

Memorias dun neno labrego publicouse en Buenos Aires en 1961, e co tempo converteuse nun dos libros máis senlleiros da literatura galega: foi o máis editado, lido e traducido. Ademais tivo a capacidade de manter viva a memoria dunha sociedade que foi deixando de ser eminentemente rural e iniciou un longo percorrido cara o universo urbano, que foi alongándose nestes últimos 50 anos adoptando mestizaxes e novos modos de vida que explican a nosa moderna identidade.

Trátase dun espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista. Xúntanse así a estilización formal do teatro e máis a comunicación fresca e directa do monólogo cómico. Ademais conta cun gran atractivo visual, pois apoia a parte escénica nun coidado traballo de vídeo creación e elaborada iluminación, que conseguen debuxar unha suxestiva escenografía das emocións.

O espectáculo representarase no Auditorio da Xunqueira o vindeiro sábado, 7 de maio de 2011, ás 20.00 horas. As entradas (á venda por 3 €) pódense reservar no teléfono 986 402865, e deberán ser retiradas media hora antes do inicio da función.