Arquivo da categoría: Dinamización

Premio ás ideas para normalizar a nosa lingua

Se formas parte da comunidade universitaria e tes algunha idea que poida contribuír a fomentar a lingua galega, podes participar no VIII Premio Luisa Villalta a iniciativas normalizadoras, que convocan conxuntamente as tres universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), a través dos seus Servizos de Normalización Lingüística (SNL).

A participación pódese facer a título individual ou en equipo (formando parte de comisións de normalización, organizacións estudantís, ou outras asociacións), para o que se establecen dúas modalidades (cada unha cun premio diferente):

  • CAMPAÑA NORMALIZADORA: consiste no deseño dunha campaña que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A proposta deberá conter un punto de partida, os obxectivos que se perseguen, a metodoloxía que se vai empregar, as actividades que se pretenden desenvolver, a planificación temporal, as persoas implicadas e as que implica, a estimación orzamentaria, etc.
    O premio consiste en 3.000 euros.
  • IDEA PARA A PROMOCIÓN DO GALEGO: deberá desenvolver unha idea que explique razoadamente unha proposta que teña por obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario.
    O premio consta de 1.500 euros.

O prazo para a presentación de proxectos esténdese até o 10 de novembro de 2011.

Pódense consultar as bases completas na seguinte ligazón.

Recursos para o lecer en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado acaban de difundir un novo programa de dinamización lingüística destinado ás persoas máis novas. O obxectivo deste programa é favorecer as actividades en galego nos campamentos de verán,  e facilitarlles tamén recursos aos monitores e monitoras para desenvolver actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresaren en lingua galega.

O progama denominado O GALEGO CAMPA!, inclúe un disco orixinal (Desaparafusador de gominola) con cancións de estilos diversos (funky, folk, rap…), compostas e interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña.

Ademais o disco vai acompañado dunha proposta de actividades variadas que se poderán desenvolver nos campamentos dun xeito lúdico, que pretenden favorecer o xogo en galego dos rapaces e rapazas asistentes. Estas actividades, realizadas por Tagen Ata, convidan á reflexión e á aprendizaxe, e promoven o respecto e a valoración positiva do contorno e das características culturais e sociais de Galicia. As actividades deste ano teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos.

Na ligazón de máis arriba poderanse atopar todos estes recursos, que inclúen os audios e as letras das cancións, fichas de actividades para os monitores e monitoras, e outros materiais e webs de interese para organizar o tempo de lecer.

Por outra parte, os Servizos de Normalización Lingüística da Terra de Soneira e da comarca de Bergantiños editaron unha guía cultural titulada Un verán de lecer, unha proposta con recomendacións de lectura e música para o verán, que xa editou o ano pasado o SNL de Zas.

A publicación recolle unha serie de recomendacións literarias, musicais e audiovisuais en lingua galega clasificadas por idades, co obxectivo de divulgar a oferta de creacións culturais en lingua galega,  e animar a gozar do tempo de lecer con recursos na nosa lingua.

Pódese descargar premendo na imaxe.

Menú galego-inglés

A hostalaría de Redondela continúa desenvolvendo paseniñamente a campaña

A LINGUA MÁIS SABOROSA. En galego, da mañá á noite.

Desta volta a Adega-tapería A COVA quixo ofrecerlle aos seus clientes o menú en galego, pero complementado cunha listaxe en inglés para favorecer o entendemento dos milleiros de peregrinos europeos que atravesan a nosa vila.

Así que este SNL, coas oportunas correccións da especialista en inglés Ana M. Prieto, preparou a seguinte carta, que poderedes consultar no propio establecemento.

Animamos dende aquí aos demais restaurantes e bares redondeláns para que promocionen tamén a nosa lingua e axuden a espallala entre os peregrinos e visitantes.

Máis optimismo para a lingua

Como xa fixeramos antes, cando presentamos o vídeo Lingua Minoritaria, hoxe continuamos cos vídeos elaborados por Núñez Singala e Manolo Bermúdez, da USC,  que denominan XENÉRICOS EN MONODOSE. A finalidade é inxectar optimismo na xente e movela a prol da nosa lingua.

O FUTURO ESTÁ NAS NOSAS MANS!

2º.- RESPONSABILIDADE.

3º.- LIBERDADE.

4º.- CONTAXIO.