Arquivo da categoría: Dinamización

Castelao en Saxamonde

O Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde acolle dende o 28 de setembro e ata o 23 de outubro a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”.

Trátase dun proxecto divulgativo da obra gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ideada no ano 2000 pola AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), e patrocinada pola Fundación Castelao e diferentes concellos, entre os que se atopa o Concello de Redondela. Neste ano 2011, no que se celebra o 125 aniversario do nacemento do artista, escritor e político galego (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886), o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela promove esta exposición itinerante para achegar a figura e obra deste persoeiro da nosa cultura á cidadanía redondelá.

A mostra, titulada daquela “Castelao e nós. Unha viaxe pola súa obra”, vén agora mostrar a vixencia do pensamento e da obra do artista rianxeiro, e achega á poboación redondelá unha selección de debuxos e textos significativos que mostran a súa grandeza como creador plástico, pensador e político.

Baixo o título “Castelao e nós, 125 aniversario”, a mostra inclúe debuxos dos álbums Nós (1931), Cousas da vida (1924-1925), Galicia mártir e Atila en Galicia (1937), e textos tirados do seu libro de ensaio político Sempre en Galiza (1944), nos que reflexiona sobre a economía e a sociedade, a emigración, a lingua, as institucións, a guerra do 36 ou o nacionalismo.

A exposición, que estivo anteriormente no Piñeiral do Crego de Chapela, no Centro Cultural de Vilar de Infesta e no Multiusos da Xunqueira de Redondela, achégase agora a Saxamonde onde se poderá visitar ata o 23 de outubro.

O Centro Cultural Chan das Pipas e o SNL animan a todos os veciños e veciñas a visitala no propio centro, a partir das 17.00 h en días laborables, e dende as 12.00 h nas fins de semana.

Día Europeo das Linguas

Hoxe celebramos o Día Europeo das Linguas, unha efeméride instituída polo Consello de Europa hai xa dez anos, que pretende facer reflexionar respecto do multilingüismo e a diversidade cultural e, asemade, promover a sensibilización  da poboación europea cara ás diferentes linguas, especialmente cara as máis minoritarias, que merecen o mesmo respecto que as maioritarias pero que precisan máis estímulo e promoción.

Con relación a estas linguas que están en situación de desvantaxe e en maior risco de desaparición, aprobouse en 1992 un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, co obxectivo de protexer a diversidade lingüística histórica dos Estados.

Este ano tamén se celebra o décimo aniversario da ratificación deste tratado por parte de España, que se comprometeu a favorecer o uso das linguas faladas nos distintos territorios do Estado español en ámbitos como o ensino, a xustiza, a administración e os servizos públicos, os medios de comunicacion, as actividades culturais, a vida social e económica e os intercambios transfonteirizos.

Pódese ver nesta presentación elaborada polo Consello de Europa (e traducida ao galego pola SXPL), algúns datos de interese que convidan á reflexión, e que poden incidir na sensibilización social.

Tamén se pode consultar máis información e recursos nas seguintes ligazóns:

As linguas en Europa (LOIA)

Europa: unha realidade plurilingüe (Caderno de lingua)

Linguas no mapa (LIGUAMON)

Linguas para o emprego (SXPL)

Produtos galegos en galego

Non debería ser noticia, pero o certo é que non é tan doado atopar produtos galegos etiquetados en galego. E cando isto ocorre cómpre recoñecelo e animar a que outras empresas e produtores fagan o mesmo.

Xa falamos outras veces de diversos produtos e campañas coma “En galego, consumo gusto“, “Produto do país“, ou do “Produto galego de calidade“, que promocionaban os produtos feitos no país na nosa lingua. Pero non está de máis promocionar aquelas iniciativas que seguen a facer país e a facer visible a lingua galega na actividade económica e produtiva.

Do mesmo xeito que fixeron coa marca GALLAECIA CELTA, etiquetando os seus produtos na nosa lingua, chéganos agora outro bo exemplo co caso dunha nova cervexa galega da empresa canguesa ADEGAS MENDUÍÑA, que vende o seu produto baixo o suxestivo e atraente reclamo de “cervexa galega artesá“.

Nesta ligazón poderemos ver unha completa información sobre a súa filosofía e os seus produtos. E todo isto na nosa lingua, demostrando unha vez máis que é posible vender en galego e que se poden ofrecer na nosa lingua produtos de calidade e anovadores.

Compromiso coa lingua

Nun día coma hoxe, no que desaparece a edición impresa do último diario galego que usaba maioritariamente a lingua galega, o XORNAL DE GALICIA (logo de que desapareceran nos últimos meses A Peneira, A Nosa Terra e Galicia Hoxe), cómpre repensarmos que é o que facemos nós como cidadás e cidadáns galegas e galegos para defendermos a nosa lingua e reclamar o seu uso nos medios de comunicación.

E neste proceso de reflexión e concienciación aparecen dúas iniciativas que poden axudar a entender esta situación e que, de seguro, van contribuír a prestixiar a nosa lingua propia no seo da nosa sociedade:

Por unha banda a iniciativa social  SERMOS GALIZA, que aglutina xa un número importante de persoas que reclaman un medio de comunicación galego e en galego, plural e aberto, que terá inicialmente formato de diario dixital e unha edición impresa semanal.

As persoas interesadas en participar deste proxecto, apoialo ou subscribirse ao semanario poderán facelo a través desta ligazón.

Por outra banda xorde a iniciativa cidadá VIVIR O GALEGO, VIVIR EN GALEGO, que promove unha plataforma na que cidadás e cidadáns asumen publicamente o compormiso de apoiar activamente todas as iniciativas cidadás e empresariais comprometidas coa lingua galega; e non ser cómplice de quen a ataca, despreza, ignora e/ou minusvalora”.

Para achegarse e unirse a esta proposta pódese ler o decálogo que promoven e a xente que apoia esta iniciativa.

Se todas e todos poñemos o noso gran de area seguro que o futuro da nosa lingua estará garantido.