Arquivo da categoría: Cultura

Santa Liberdade, terceiro filme de CINEMA NA RÚA

Documental histórico, 88′ (2004). Directora: Margarita Ledo.

Mar do Caribe, 1961. O navío “Santa María” é tomado por un grupo de antifascistas. Baixo o mando do portugués Henrique Galvão, os galegos Velo e Sotomayor e unha vintena dos chamados “piratas da liberdade” ibéricos escriben un curioso capítulo na loita contra as ditaduras de Franco e Salazar: a historia do primeiro secuestro político dun transatlántico.

Este documental conta como o barco foi cercado por buques de guerra dos EEUU, España e Portugal e presenta os propios asaltantes (Federico Fernández Ackerman, Camilo Tavares Mortágua e Víctor Velo Pérez). Interveñen entre outros, o mítico fotógrafo Manuel Ferrol e o coñecido escritor Dominique Lapierre.

Galatasaray-Dépor, segundo filme de CINEMA NA RÚA

 

 

Longametraxe – comedia, 90‘ (2005). Director: Hannes Stöhr.

O argumento fíase arredor dunha muller de negocios en Moscú, un excursionista en Estambul, un peregrino húngaro en Santiago de Compostela e unha parella francesa en Berlín. Catro casos de roubo de equipaxe, catro comisarías de policía, catro problemas de entendemento lingüístico, catro visións da Champions League. Todo o mesmo día da final desta competición entre o Galatasaray de Istambul e o Deportivo da Coruña. En clave de comedia, as diferencias culturais e lingüísticas dos europeos cun pano de fondo, o fútbol, que parece ser o que máis nos une.

Palmarés: Seleccionada para a Berlinale, sección oficial a concurso.

CINEMA NA RÚA

O Servizo de Normalización Lingüística en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes e Imaxe), achega a Redondela este verán o ciclo  CINEMA NA RÚA.

Deste xeito continúa a promoción do audiovisual galego e a aposta polo cinema na nosa lingua comezada co ciclo de cinema galego VERSIÓN ORIXINAL.

As proxeccións desenvolveranse os martes na praza de Reveriano Soutullo, e inclúen cinema infantil, curtametraxes, comedia e cine documental.

A asistencia é libre e de balde.

BailadELAS, de Roberto Vidal Bolaño a Redondela

Continuamos coa celebración das Letras Galegas 2013, en Redondela, cunha actividade teatral, a mellor homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.

O vindeiro domingo, 9 de xuño, ás 21.00 h, o Auditorio da Xunqueira acollerá a representación teatral de “BailadELAS”, mulleres bolañesas, de Teatro Antroido.

O espectáculo está composto por seis cadros escénicos tirados doutros tantos textos de Roberto Vidal Bolaño: Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas, seleccionados por Xavier Estévez e Roi Vidal Ponte, e interpretados por Laura Ponte, a actriz que xunto a Vidal Bolaño fundou en 1974 Teatro Antroido, a primeira compañía de teatro profesional galega.

Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando até que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra”.

Este é unha boa oportunidade para achegármonos á obra de Roberto Vidal Bolaño e comprender a importancia que a súa figura e as súas creacións tiveron na xeración do teatro galego contemporáneo.

As entradas poderanse adquirir no mesmo Multiusos da Xunqueira, a un prezo de 3€, o mesmo día da función, dende as 18.00 h.