Arquivo da categoría: Cultura

Letras Galegas 2014

Arrincou a programación das Letras Galegas 2014, nas que se rende homenaxe ao poeta e tradutor de Guitiriz, Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990).

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellaría de Cultura adquiriron exemplares de dous libros do autor para divulgar a súa obra, que serán repartidos neste mes entre as asociacións culturais redondelás e nas bibliotecas públicas:

NIMBOS                                  XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, VIDA E OBRA

A programación de actos conmemorativos e de homenaxe esténdese dende o propio 17 de maio até o domingo 6 de xullo.

O SNL deseñou e distribuíu tamén marcapáxinas conmemorativos nos que se inclúen algúnhas ligazóns para sabermos máis de Xosé Mª Díaz Castro:

Páxina oficial de Díaz Castro

Díaz Castro na RAG

Díaz Castro na SXPL

Letras Galegas 2014 na CGENDL

VI Semana do libro, a festa das palabras

As Bibliotecas de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan VI Semana do libro, a festa das palabras.

Esta celebración que xira arredor da data sinalada do 23 de abril como Día Mundial do Libro, artéllase para divulgar o libro como un elemento de cultura e enriquecemento persoal e social, e incide na animación á lectura e na divulgación das linguas que nos son máis próximas, as que se falan na Península Ibérica: galego, castelán, portugués, asturiano, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.

Este evento, centrado inicialmente nunha semana de actividades esténdese, neste 2014, a todo o mes de abril, onde ademais de celebrarse a exposición multilingüe habitual, vanse desenvolver relatorios, actividades de promoción da oralidade e presentacións de diversas publicacións, unhas abertas a toda a cidadanía e outras para alumnado dos centros de ensino redondeláns.

Os materiais que conforman a exposición son achegas de distintos organismos que veñen colaborando nos últimos anos coa doazón de libros e revistas, como o Instituto Camões de Vigo, o Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, a Academia de la Llingua Asturiana, a Academia de L’Aragonés, e dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Esta mostra multilingüe achega un valor engadido á propia celebración do día do libro, pois xunta o obxectivo inicial de procurar unha animación á lectura co obxectivo transversal de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. O coñecemento doutras realidades lingüísticas contribuirá tamén a que aprendamos a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos, a interesarnos polo seu coñecemento e a considerar mellor a nosa propia.

A exposición multilingüe estará instalada do 21 ao 23 de abril no Multiusos do Piñeiral do Crego, e do 24 ao 30 no Multiusos da Xunqueira. A programación deste ano inclúe as seguintes actividades:

mércores 2 de abril, ás 11.30 h. Pedro Feijoo:  A MEMORIA DA CHOIVA. Charla co alumnado do IES Mendiño sobre Os fillos do mar e presentación de A memoria da choiva.

martes 8 de abril, ás 20.00 h. X. Henrique CostasO VALEGO, as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura). Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 15 de abril, ás 20.00 h. Manuel Gago. Vento e Chuvia: unha ollada á relixión e á mitoloxía da Idade do Ferro en Gallaecia. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 22 de abril.

  • Ás 10.30 e 12.00 h: Modestos contos de Broadway. LEIXAPRÉN. Obradoiros plástico-literario-musicais no Auditorio do Piñeiral do Crego para o alumnado do IES Chapela.
  • Ás 12.00 h. Soledad Felloza: teatralización sobre “Os antigos deuses galaicos”, para o alumnado dos IES Mendiño, Illa de San Simón e Pedro Floriani. Auditorio da Xunqueira.
  • Ás 20.00 h. Olga Lalín e Esther Medraño. Sensibilizando sobre o autismo. Presentación do libro HADA ESTHER. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 29 de abril, ás 20.00 h. Gemma Sesar: VIDA DE NAI. Multiusos do Piñeiral do Crego. Entrada libre.

VERSIÓN ORIXINAL, novo ciclo de cinema en galego

VERSIÓN ORIXINAL é o nome do ciclo de cinema en lingua galega, iniciado en 2013, que pretende achegar producións audiovisuais de calidade á poboación redondelá. As proxeccións, en alta definición, realizaranse de febreiro a abril, a venres alternos, no Auditorio da Xunqueira.

Esta actividade de dinamización lingüística pretende mostrar a riqueza e utilidade da lingua galega para as creacións audiovisuais, ao tempo que impulsa actividades de lecer en galego para toda a cidadanía. Ademais procura unha sensibilización da poboación cara ás creacións artísticas galegas e a necesidade de apoiar as producións que se fan en Galicia.

O ciclo vaise desenvolver do 7 de febreiro ao 4 de abril, e incluirá producións de recoñecido prestixio e calidade. Desenvolveranse os venres 7 e 21 de febreiro, 7 e 21 de marzo, e 4 de abril, ás 21.00 horas.

Nesta segunda edición exhibiranse cinco producións galegas de notable éxito nos últimos anos: Doentes, dirixida por Gustavo Balza, sobre o texto da obra teatral orixinal de Roberto Vidal Bolaño; Arraianos, dirixida por Eloy Enciso, e baseada parcialmente na obra O bosque de Jenaro Marinhas del Valle; 18 comidas, dirixida por Jorge Coira, premio Mestre Mateo 2011 á mellor longametraxe, entre outros premios; Costa da Morte, dirixida por Lois Patiño; e Tralas Luces, dirixida por Sandra Sánchez. Todas as producións son aptas para todos os públicos, agás a primeira que é recomendada para maiores de 7 anos.

O calendario é o seguinte:

venres 7 de febreiro:  DOENTES

venres 21 de febreiro:  ARRAIANOS

venres 7 de marzo:  18 COMIDAS

venres 21 de marzo:  COSTA DA MORTE

venres 4 de abril:  TRALAS LUCES

As entradas poderanse adquirir no Multiusos da Xunqueira dende 2 días antes a cada proxección e teñen un prezo de 3 €.

O LARETA recala en Chapela

Despois do éxito acadado coa celebración do Lareta 2013, o festival de monólogos de Redondela chega agora a Chapela a partir do sábado 18 de xaneiro.

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellaría de Cultura apostan, unha vez máis, pola dinamización lingüística a través dunha nova edición do festival de monólogos de Redondela, LARETA, que achegará catro novos espectáculos ao Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela durante dous sábados de xaneiro e dous de febreiro.

Ao obxectivo inicial da proposta, fomentar o uso oral da lingua galega e promover a creación artística daquelas persoas que apostan pola nosa lingua como ferramenta de traballo e comunicación, súmase agora o interese por achegala a outros espazos como o Piñeiral do Crego, e facer que a poboación de Chapela e das parroquias máis próximas teñan tamén acceso ás diversas propostas culturais.

O programa desta edición inclúe un contador-actor que xa estivo con grande éxito na anterior edición, Quico Cadaval (aínda que cun monólogo diferente), e outros tres que non estiveron aínda en Redondela: Víctor Fábregas e Patricia Vázquez para público adulto, e Celso Sanmartín para público familiar.

A entrada normal é de 4 € e a reducida a 2 € (para persoas xubiladas, estudantes e público infantil).