Arquivo da categoría: Cultura

QUICO CADAVAL E CELSO SANMARTÍN COS CONTOS DE JOSELÍN

O Servizo de Normalización Lingüística trae de novo a oralidade á escena.
Este sábado, 7 de febreiro de 2015, ás 20.00 h, o Centro Recreativo de Redondela acolle o espectáculo “Os contos de Joselín”.

Cartel contos_JoselínTrátase dun espectáculo que xoga coa comicidade das historias da nosa tradición oral e que provoca a hilaridade do público de calquera idade. Nel  aparecen historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… que chegan da man de dous grandes contadores galegos: Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
Estes dous contadores volven os ollos á tradición dos contacontos a través dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, e aproveitan a figura do narrador galego de máis éxito de todo o século XX: Joselín.

José Rodríguez Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Foi un home versátil e contraditorio, que tivo o seu maior momento de popularidade de 1929 a 1932, en Galicia, e xa nos anos 30, na Arxentina.

Admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, foi en ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, e converteuse en supervendas discográfico en Galiza, España e Arxentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque da súa obra gravada completa, editada nun libro-CD titulado Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).

Cadaval e Celso conseguen fundir as súas narracións coa súa capacidade de improvisación narrativa nun espectáculo no que evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que se achegan a temas de actualidade e interactúan co público. Ademais no espectáculo ofrecen tamén unha proxección de imaxes históricas de Joselín, e a oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.

Quico Cadaval é un actor, director e adaptador teatral, impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou nos anos sesenta na interpretación teatral co Centro Dramático Galego e a mediados dos oitenta fundou a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes, e na actualidade continúa vencellado ao audiovisual como actor e como guionista.

Celso F. Sanmartín é un contador de contos e historias de tradición oral, que continúa co movemento xurdido en Galicia nos anos noventa. Os seus contos beben directamente da tradición oral da súa comarca natal, o Deza, dun xeito orixinal e auténtico, que o converte nun referente neste estilo. As súas historias son xenuínas e chegan do máis fondo da sabedoría popular, desa transmisión oral que nos identifica como pobo.

As entradas para o espectáculo (5 € / 3 € para estudantes e xubiladas), están á venda no multiúsos da Xunqueira dende o xoves 5 de febreiro, e o mesmo sábado estarán á venda no Centro Recreativo de Redondela dende dúas horas antes á función.

O “DECAMERÓN” DE CÁNDIDO PAZÓ

O Servizo de Normalización Lingüística organiza a representación do monólogo teatral de Cándido Pazó, “Decamerón. Historias para tempos ruíns”.

Decamerón_Cándido Pazó  Este espectáculo, xunto cos monólogos do vindeiro sábado 7 de febreiro (“Os contos de Joselín”), forma parte da programación trimestral do SNL no ámbito cultural, e vén complementar o festival de monólogos, Lareta, que se celebrou en Chapela no outono.

O obxectivo fundamental é achegar creacións escénicas en lingua galega de calidade, onde a lingua oral se transmite con toda a súa potencialidade. As dúas funcións que se ofrecen agora están cofinanciadas pola AGADIC a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O Decamerone, o libro de contos escrito no s. XIV por Giovanni Boccaccio, é todo un referente da narrativa europea e unha das lecturas máis celebradas ao longo dos séculos. Os contos que contén están inzados de humor, sentido gozoso da vida e erotismo, e supuxeron unha ruptura radical coas tebras do mundo medieval e un sinal inequívoco da nova visión do mundo que supuxo o Renacemento.

Nesta versión que nos presenta Cándido Pazó, coa adaptación teatral de Abrapalabra Creacións Escénicas, están adaptados unha presa de contos do orixinal, os máis divertidos e mordaces, que aproveita dun xeito metafórico para achegarse á actualidade. Nos contos de Boccaccio, uns mozos que foxen da peste bubónica atopan refuxio nunha quinta campestre e comezan a se contar historias. A reinterpretación de Pazó achégase máis á “peste económica”, o andazo de hoxe, do que non podemos fuxir pero que o teatro nos axudará a levar dun xeito máis divertido e reconfortante.

A representación celebrarase o sábado 31 de xaneiro, ás 20.00 h, no Centro Recreativo de Redondela. As entradas poranse á venda dende o xoves no multiúsos da Xunqueira, e o sábado no propio Centro Recreativo, cun prezo de 5 € (3 € para persoas xubiladas e estudantes).

Nova edición do LARETA, festival de monólogos de Redondela

De novo chega unha nova edición do festival de monólogos LARETA.

Lareta_2014_cartel modificado

Este é xa o terceiro ano consecutivo no que intérpretes de diferentes estilos e orixe artística ofrecerán un espectáculo onde a palabra é a protagonista. E non é casual que o festival se chame LARETA, porque o obxectivo é precisamente ese: laretar, falar sen control e sen medida, dicir o que se queira dándolle o protagonismo absoluto á palabra en lingua galega.

O LARETA Pretende ser unha proposta creativa e artística que incide na oralidade e na necesidade de divulgar o traballo artístico feito en lingua galega. Este festival de monólogos estase a converter xa nun referente dentro da oferta cultural redondelá, avalado polo éxito das anteriores edicións en Redondela e Chapela.

Neste LARETA 2014, que se celebrará os sábados 15 e 29 de novembro, e 6, 13 e 20 de decembro, contaremos con Carlos Meixide, Soledad Felloza, Celso Sanmartín, Avelino González e Marián Bañobre, e todos os espectáculos son para público adulto.

As propostas, aínda que ben diferentes, teñen o denominador común dos contos e das persoas que os transmiten, a transmisión oral da lingua e o divertimento que isto supón, mais nesta edición hai tamén unha proposta teatral en forma de monólogo, que estará a cargo de Marián Bañobre, da compañía Ibuprofeno Teatro.

Nesta edición de outono o LARETA vaise celebrar no auditorio do Piñeiral do Crego en Chapela. O prezo da entrada xeral é de 5 €, e para persoas xubiladas e estudantes será de 3 €. Ademais é posible adquirir un bono para as cinco funcións, co prezo de 20 € ou 12 € para a entrada reducida, que se poderán reservar dende o xoves 13 de novembro nos multiúsos de Chapela e Redondela, ou ben a través do teléfono 986 402 865.

A venda de entradas anticipadas farase dende dous días antes a cada función nos Multiúsos da Xunqueira e do Piñeiral do Crego.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a veciñanza redondelá a asistir a esta proposta que reivindica o uso oral da lingua propia de Galicia e a súa idoneidade para a transmisión cultural e o lecer.

Letras Galegas 2014

Arrincou a programación das Letras Galegas 2014, nas que se rende homenaxe ao poeta e tradutor de Guitiriz, Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990).

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellaría de Cultura adquiriron exemplares de dous libros do autor para divulgar a súa obra, que serán repartidos neste mes entre as asociacións culturais redondelás e nas bibliotecas públicas:

NIMBOS                                  XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, VIDA E OBRA

A programación de actos conmemorativos e de homenaxe esténdese dende o propio 17 de maio até o domingo 6 de xullo.

O SNL deseñou e distribuíu tamén marcapáxinas conmemorativos nos que se inclúen algúnhas ligazóns para sabermos máis de Xosé Mª Díaz Castro:

Páxina oficial de Díaz Castro

Díaz Castro na RAG

Díaz Castro na SXPL

Letras Galegas 2014 na CGENDL