Arquivo da categoría: Cultura

Curso de lingua e cultura galegas en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística organiza un Curso de lingua e cultura galegas para persoas adultas, que se desenvolverá dende o 9 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2017.

Está destinado a persoas maiores de idade que estean interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas, persoas non escolarizadas en galego na súa etapa formativa ou procedentes de fóra de Galicia que vivan no concello de Redondela.

CARTEL LINGUA E CULTURA - IMPRESION

O curso desenvolverase na Casa da Cultura de Redondela e constará de 30 horas lectivas, repartidas en tres sesións semanais (luns, mércores e xoves, de 11:00 a 12:30 h), e será maiormente práctico, cuns mínimos contidos teóricos. O obxectivo é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e cultura galegas a partir da oralidade, do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades.

Esta actividade formativa e de socialización en lingua galega permite participar a persoas non habituadas a escribir ou falar en galego, que descoñecen a nosa lingua ou que queren mellorar a súa competencia lingüística. Ao mesmo tempo, promove o coñecemento da cultura e a historia de Galicia, das súas principais manifestacións, e da historia, a toponimia e as manifestacións culturais máis importantes de Redondela.

O obxectivo desta actividade formativa é facilitar a integración na sociedade galega e redondelá a persoas procedentes de fóra, promover o intercambio cultural e lingüístico, e contribuír a mellorar a competencia lingüística da veciñanza redondelá.

A inscrición é de balde e debe formalizarse entre o 1 e o 20 de decembro no Servizo de Normalización Lingüística (multiúsos da Xunqueira, oficina 4 – baixo), ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou do teléfono 986 400 106.

COÑECENDO REDONDELA, arquitectura e microtoponimia para a rapazada

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan unha nova actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia para a rapazada redondelá.

Baixo o título COÑECENDO REDONDELA, vanse celebrar uns talleres de arquitectura e microtoponimia para nenas e nenos, co obxectivo de divulgar entre a poboación infantil o patrimonio arquitectónico de Redondela, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia.

Cartel_coñecendo-Redondela

Analizarase a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, xeografía física e humana sobre a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.

Aspectos relacionados co asentamento da poboación no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.

Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá (de 9:30 a 11:30, e de 12:00 a 14: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 1 de setembro no teléfono 986 400 106 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.es.

Letras Galegas 2016 en Redondela

A celebración das Letras Galegas 2016, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística, inclúe unha serie de actividades de divulgación e coñecemento da obra e da figura de Manuel María, e outras actividades complementarias de achegamento á lingua galega a través de recursos baseados na oralidade, no audiovisual e na música.

Cartel_Letras Galegas 2016

O resultado da primeira das actividades, DÍA DO LIBRO DEDICADO A MANUEL MARÍA , desenvolvida en colaboración coa Radio Municipal de Redondela, pódese escoitar nesta ligazón Letras Galegas 2016.

Nesta programación inclúense dúas actividades para alumnado dos centros de ensino redondelán:

26 de abril. HISTORIAS DE ARREPÍO, con Paula Carballeira (alumnado de secundaria).

2 e 3 de maio. MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO. Cinema de animación para alumnado de infantil e primaria.

Ademais desenvolveuse tamén unha sesión de FÍOS DO QUERER, para familias e primeira infancia, co fin de achegar a lingua aos máis pequenos da casa a través da música e o xogo.

O propio DÍA DAS LETRAS GALEGAS, o 17 de maio, ás 20.00 h, a praza da Casa da Torre acolleu o concerto do grupo vocal DE VACAS, para mocidade e público adulto, con entrada de balde e incluído na programación do Festival de Títeres de Redondela.

DeVacas2

A programación continuará co espectáculo de monicreques OS SOÑOS NA GAIOLA, da compañía Títeres Alakrán, que se celebrará o domingo 29 de maio, ás 19.00 h no auditorio da Xunqueira.

Esta adaptación, para público infantil e familiar, da obra homónima de Manuel María, serve como homenaxe ao autor chairego e como pretexto para achegar a súa palabra poética a través dos recursos escénicos e dramatúrxicos do teatro de monicreques. Na obra, o propio Manuel María transfórmase en monicreque para interactuar cos nenos, e ten ademáis unha forte presenza musical, grazas á cal poemas como O Soñador, Galicia ou O Río convértense en cancións.

Durante este período de programación especial dedicada ás Letras Galegas 2016, distribuíronse uns marcapáxinas conmemorativos con textos de Manuel María e recursos de interese para coñecer a súa obra.

marc1 marc2

 

MANUEL MARÍA, PROTAGONISTA DO DÍA DO LIBRO EN REDONDELA

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración con Radio Redondela e as Bibliotecas Municipais de Redondela, organizan a celebración do DÍA DO LIBRO dedicada a Manuel María.

Cartel-ManuelMaría_día do libro_FINAL

Co gallo da celebración, o vindeiro 23 de abril, do DÍA DO LIBRO, e a dedicación este ano do día das Letras Galegas 2016 ao escritor chairego Manuel María, estes departamentos organizan unha celebración conxunta que consistirá na lectura e gravación de textos do autor homenaxeado en Radio Redondela, entre o 12 e o 15 de abril (en horario de 13 a 14:30 h), e a posterior emisión na emisora municipal entre o 18 e o 22 de abril, vésperas da celebración.

Seguir lendo MANUEL MARÍA, PROTAGONISTA DO DÍA DO LIBRO EN REDONDELA