Arquivo da categoría: Cultura

Centenario de Cunqueiro

Con motivo de celebrarse neste 2011 o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, o Consello da Cultura Galega organiza unha serie de eventos conmemorativos desta efeméride.

Entre elas vén de ser presentada a iniciativa “A cociña galega con Cunqueiro“, que quere difundir a obra literaria e gastronómica do escritor mindoniense e o acervo gastronómico do país, en colaboración cos restaurantes de Galicia.

O obxectivo é levar os pratos máis queridos do principal escritor gastronómico de Galicia ás cociñas dos restaurantes, e recuperar así a rica tradición gastronómica galega, ao tempo que os establecementos se converten nun privilexiado espazo de difusión cultural. Deste xeito xúntanse cociñeiros de Galicia tradicionais e contemporáneos que, cada un dende o seu diferente estilo, renderán unha homenaxe ao escritor que dignificou a gastronomía de Galicia e lle deu carta de identidade no mundo. O proxecto incluirá a distribución de 10.000 exemplares dunha antoloxía literaria e gastronómica de Don Álvaro Cunqueiro entre os clientes dos restaurantes de Galicia.

Aqueles restaurantes que queiran participar poden dirixirse ao responsable do proxecto no Consello da Cultura Galega (Manuel Gago), a través deste correo electrónico director@culturagalega.org,  ou ben chamar ao teléfono 981957219 (luns a venres, de 09 a 15 h).

Tamén poden solicitar información neste Servizo de Normalización Lingüística no teléfono 986402842 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.info

Memorias dun neno labrego, na Xunqueira

Cándido Pazó estará mañá na Xunqueira coas súas Memorias das Memorias dun neno labrego, incluída dentro da programación XEIRAS DA LINGUA das Letras Galegas 2011.


Este monólogo escénico-narrativo, está producido por Abrapalabra, creacións escénicas en colaboración co AGADIC, e baséase no libro homónimo de Xosé Neira Vilas, que está a representarse en numerosos lugares de Galicia e da Arxentina. O obxectivo é recoñecer e homenaxear o autor e a súa obra, no 50 aniversario da súa primeira edición.

Memorias dun neno labrego publicouse en Buenos Aires en 1961, e co tempo converteuse nun dos libros máis senlleiros da literatura galega: foi o máis editado, lido e traducido. Ademais tivo a capacidade de manter viva a memoria dunha sociedade que foi deixando de ser eminentemente rural e iniciou un longo percorrido cara o universo urbano, que foi alongándose nestes últimos 50 anos adoptando mestizaxes e novos modos de vida que explican a nosa moderna identidade.

Trátase dun espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista. Xúntanse así a estilización formal do teatro e máis a comunicación fresca e directa do monólogo cómico. Ademais conta cun gran atractivo visual, pois apoia a parte escénica nun coidado traballo de vídeo creación e elaborada iluminación, que conseguen debuxar unha suxestiva escenografía das emocións.

O espectáculo representarase no Auditorio da Xunqueira o vindeiro sábado, 7 de maio de 2011, ás 20.00 horas. As entradas (á venda por 3 €) pódense reservar no teléfono 986 402865, e deberán ser retiradas media hora antes do inicio da función.

III Semana do libro, a festa das palabras

O Servizo de Normalización Lingüística e máis as Bibliotecas públicas de Redondela organizan, por terceiro ano consecutivo, a Semana do libro, a festa das palabras.

A conmemoración, o vindeiro 23 de abril, do día do libro, serve de pretexto para facer esta exposición multilingüe, que se instalará en espazos pouco convencionais (como as alamedas ou a entrada dos multiusos), e que este ano ademais, visitará os centros de ensino de primaria do noso concello cunha biblio-caravana.

Grazas á colaboración das diferentes institucións ás que se solicitaron os libros: Instituto Camðes, Euskararen Donostia Patronatua (Servizo de promoción do éuscaro do Concello de Donostia), Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), Secretaría de Política Lingüística (Generalitat de Catalunya), Academia de la Llingua Asturiana, e Academia de L’Aragonés, foi posible expoñer estes materiais multilingües nos diferentes idiomas da Península Ibérica (galego, castelán, portugués, catalán, aranés, éuscaro, asturiano e aragonés). Ademais de dispor tamén da achega de materiais dos fondos da Biblioteca Municipal e da Axencia de Lectura de Chapela.

Pero ademais, este ano contouse coa colaboración de Protección Civil de Redondela (que serve de apoio loxístico desprazando a biblio-caravana duns lugares a outros), e do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES de Chapela, que envía o seu alumnado para realizar actividades de contacontos e promoción da lingua galega para os nenos e nenas de ensino infantil dos centros a onde chega a exposición.

Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro, e procurar unha animación efectiva á lectura, co obxectivo transversal e multidisciplinario de mostrar a diversidade cultural e lingüística dos territorios que nos son máis próximos, e facer fincapé na necesidade do respecto e promoción de todas as linguas, por pequena que sexa a súa distribución ou o número de falantes, pois todas elas constitúen e enriquecen o noso patrimonio cultural.

A programación inclúe visitas da biblio-caravana aos centros de primaria redondeláns nas semanas do 11 ao 15, e do 26 ao 29 de abril; exposición nas alamedas de Chapela e Redondela nas mañás dos días 18, e 19 e 20 (respectivamente); unha conferencia sobre o Premio Carballo Calero de investigación 2009 (20 de abril, ás 20.00 h na Casa da Cultura); e unha exposición permanente dos diferentes materiais na entrada do Multiusos da Xunqueira do 3 ao 6 de abril. As persoas que se acheguen á caravana poderán tamén consultar, no tríptico informativo, un pequeno glosario multilingüe que axudará a apreciar as diferencias e semellanzas entre as distintas linguas, coa intención de promover a curiosidade sobre as mesmas e animar a mellorar o seu coñecemento.

PROGRAMACIÓN DOS CENTROS
11 abril: CEIP Quintela
12 abril: CEIP Outeiro das Penas
13 abril: CEIP Porto Cabeiro
14 abril: CEIP de Cedeira
15 abril: CEIP Igrexa – Chapela
26 abril: CEIP Sto. Paio de Abaixo (Reboreda)
27 abril: CEIP Laredo
28 abril: CEIP Alexandre Bóveda
29 abril: CEP Santa Mariña

Máis información no blog das Bibliotecas de Redondela.