Arquivo da categoría: Cultura

Medallas de ouro 2011, con orgullo

A semana pasada o goberno galego fixo entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2011.

E este é un dobre motivo de satisfacción e de orgullo para todas as persoas que pulamos pola nosa lingua. Pois Rosario Álvarez, en representación do ILG, e o profesor e investigador, especialista en xenética, Ángel Carracedo, recibiron neste ano o maior recoñecemento na nosa terra, pero co orgullo de sentírense galegos de seu ante todo.

Cando falamos da campaña En galego tamén se fai ciencia, xa puxemos o video promocional no que saía este gran investigador e erudito. Pero agora vén aínda máis a conto divulgar as manifestacións de Ángel Carracedo a prol da nosa lingua:

Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Os nosos parabéns a ambos, e que sirvan de modelo.

Os quioscos tamén en galego

Dende hai uns días, a literatura en galego chega tamén aos quioscos galegos.

A iniciativa Lonxa de Letras é o novo proxecto da Rede Galega de Quioscos, que nace coa finalidade de achegar libros e outros produtos culturais en galego, como CDs, para a súa venda nestes “espazos culturais” a pé de rúa. Ao tempo dáselles emprego a persoas con discapacidade, obxectivo fundamental do grupo Galega de Economía Social, ao que pertence, e co que colabora COGAMI (Confederación Galega de persoas con discapacidade).

Ademais agora, á parte dos quioscos físicos asociados, hai tamén un “quiosco virtual”, un espazo dixital onde se realizará a venda de libros físicos e dixitais e outros produtos culturais como CDs.

Accedendo a esta ligazón

www.lonxadeletras.es

poderedes ver os produtos á venda e as distintas posibilidades de compra, dende a recepción directa no domicilio ata a recollida nalgún dos quioscos asociados, co que o transporte da encarga non tería custo adicional ningún.

A nosa cultura agora tamén a pé de rúa.

A lingua galega no Camiño

A nosa lingua xa está visible tamén no Camiño de Santiago.

O PROXECTO CAMIÑO, dispoñible agora na rede en Santiago Languages, pretende destacar a achega das linguas e culturas do Camiño de Santiago ao gran patrimonio común europeo, dirixindo especialmente a atención cara ás linguas e culturas rexionais e/ou minoritarias. Deste xeito promoverá a divulgación do patrimonio cultural máis alá das fronteiras estatais e fomentará o diálogo entre as diversas linguas e culturas polas que atravesa o Camiño. O coñecemento e a divulgación desta diversidade  permitirá o enriquecemento cultural dos distintos pobos europeos e axudará a tomar conciencia da necesidade de respecto e entendemento.

O inicio dunha das actividades divulgativas asociadas a este proxecto tivo lugar onte en Pamplona: inaugurouse a exposición itinerante Diversidade Cultural e Lingüística no Camiño de Santiago, que percorrerá diferentes poboacións do Camiño, dende Kiel, en Alemaña, ata Santiago de Compostela. Os seus obxectivos principais son vincular as diferentes linguas e culturas de Europa ao Camiño de Santiago de Compostela, destacando o seu papel integrador e de acollida ao longo da historia, e darlles a coñecer aos peregrinos e á poboación en xeral a diversidade lingüística e cultural de Europa. Consulta o calendario.

Pero tamén na propia web pódese acceder a un xogo no que poderemos comprobar canto sabemos sobre as linguas e a cultura de Europa, dispoñible en galego, éuscaro, aragonés, bretón, castelán e inglés.

Pódese acceder ao xogo premendo na imaxe

Ademais o proxecto inclúe un Congreso sobre as linguas e a diversidade cultural en Europa, que se celebrará no mes de outubro no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela.

Este proxecto é posible grazas a un marco de colaboración no que participan institucións gobernamentais, universitarias e académicas:

  • Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
  • Ofis ar Brezhoneg.
  • Asociación “Estudio de Filología Aragonesa”.
  • Christian-Albrechts_Universität Zu Kiel.
  • Euroccat, Eurocongrès 2000 des Pays occitans et Catalans.
  • Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence. Gobierno de Navarra.

Publicacións galegas na rede

Un novo blog na rede vén achegarnos, en formato pdf, algunhas das publicacións históricas máis representativas da nosa cultura.

Publicacións Galegas convértese así nunha valiosísima ferramenta que vai permitir acceder a publicacións como  a Revista Nós, os xornais A Nosa Terra e A Fouce, e outras publicacións de interese (Terra, Alento, Guieiro e Rexurdimento), e facilitar a súa descarga e consulta, coa finalidade de favorecer á súa divulgación e facer accesibles estes documentos históricos que ás veces resulta difícil consultar, mesmo en bibliotecas.

Malia a súa curta vida (apenas dúas semanas), xa se poden consultar os 3 primeiros números da Revista Nós, publicados en 1920, e os 4 primeiros números do xornal A Fouce editados en 1926.

Toda unha demostración de que as novas tecnoloxía tamén nos achegan á nosa historia e á nosa cultura, con novidosos recursos fáciles de usar e divulgar.