Arquivo da categoría: Cultura

IV Semana do libro, a festa das palabras

A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro, a festa das palabras, que se desenvolverá do 17 ao 29 de abril de 2012.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve de pretexto para facer novamente unha campaña de animación á lectura que  divulga, ao mesmo tempo,a realidade multilingüe do noso contorno máis próximo.

Esta exposición multilingüe é posible grazas á colaboración de diferentes institucións que achegaron libros en portugués (Instituto Camões de Vigo); éuscaro (Liburutegi Zerbitzua – Servizo de Bibliotecas; Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco); catalán e aranés (Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya); asturiano (Academia de la Llingua Asturiana); aragonés (Academia de L’Aragonés), e galego e castelán, dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro e procurar unha animación efectiva á lectura, coa exposición de libros en diferentes linguas e en lugares pouco habituais. Dende o coñecemento doutras realidades lingüísticas poderemos aprender a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.

A programación deste ano inclúe a exposición multilingüe de libros no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, do 17 ao 20 de abril; e no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, do 23 ao 29 de abril. Pero ademais conta con tres presentacións de libros que se desenvolverán os días 19, 25 e 27 de abril.

A primeira delas será no Auditorio da Xunqueira o xoves, 19 de abril, ás 12.00 h, á que está convidado alumnado de primaria redondelá, e á que poderán asistir as persoas que o desexen. Contará coa participación dos autores do libro A NOITE DO APALPADOR, editado polo Concello de Redondela,  a partir dun texto poético do escritor chapelán Xurxo Valcárcel Gil e as ilustracións de Pepe Carreiro.


Ano Casto Sampedro

O Concello de Redondela celebra este ano o 75 aniversario do pasamento de Casto Sampedro Folgar.

O ANO SAMPEDRO vaise converter na oportunidade de coñecer a obra deste erudito que naceu en Redondela en 1848.

Malia a súa timidez e o seu afán por non ser coñecido, foi un grande estudoso do noso patrimonio, pois estudou a toponimia, os oficios, os gremios, a música e as danzas populares, e ademais constituíu en 1894 a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, lugar onde recolleu e recuperou valiosos fondos arqueolóxicos, epigráficos e heráldicos,  que co tempo cristalizaría no Museo Provincial de Pontevedra, do que tamén foi director.

A el se lle debe tamén a recollida da música tradicional que reuníu no “Cancionero Musical de Galicia” onde recompila as transcricións da nosa tradición musical, incluídas as cantigas populares, e que serviu de guía para os mellores músicos galegos da época como Xoán Montes ou Pascual Veiga, e segue a ser referente de músicos e intérpretes da nosa música tradicional.

Ademais converteuse en todo un referente cultural da xeración intelectual do Rexurdimento, que mesmo o sinalou como o sucesor de Manuel Murguía.

A celebración deste ANO SAMPEDRO serviranos de escusa para achegármonos ao seu legado cultural e transmitírllelo ás xeracións máis novas.

 

 

 

Radio música en galego

A música en galego non adoita escoitarse nas emisoras de radio convencionais. Porén, unha nova emisora de radio en liña permítenos escoitar música en galego, dos máis diversos estilos, as 24 horas.

MUSICA EN GALEGO dános a posibilidade de escoitar a música que se fai no país dende o noso propio computador. Ademais, pódese instalar en calquera web ou blog dun xeito moi doado, e compartir este recurso con todas as persoas que visiten o teu sitio.

Na súa web pódense consultar tamén novidades de concertos, ligazóns de interese, libros relacionados coa música, e todos os grupos/solistas clasificados por estilos musicais.

Unha boa oportunidade para escoitar a música feita na nosa lingua, de balde, que poderás seguir tamén no Facebook.

 

 

 

Día internacional da narración oral

Hoxe, 20 de marzo, celébrase o Día Mundial da Narración Oral.

A iniciativa, que comezou coa celebración dos narradores suecos a principios dos anos 90, coincidindo coa chegada da primavera, é hoxe unha festividade que se celebra en todo o mundo co obxectivo de difundir o rico patrimonio cultural que se foi transmitindo de boca a boca no decorrer dos tempos.

Este día celébrase en todo o Estado, e hoxe celebrarase, por primeira vez, tamén en Galicia. Santiago de Compostela celebra un evento organizado por Varios Ventos, a Asociación de Narradoras/es Orais de Galicia, no que se xuntarán narradores profesionais e, logo, o Pub Atlántico acollerá dúas sesións de maratón de contacontos para o público xeral, ás 21 e ás 10.30 horas, nas que participarán Cándido Pazó, Soledad Felloza, Celso F. San Martín, Charo Pita, José Campanari, Avelino González, Raquel Queizás, Tim Bowley, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e Pedron Brandariz, entre outros.

Para animar a toda a poboación redondelá, e ao resto da galega, a que conte contos aos achegados, sobre todo aos máis pequenos, mostramos este vídeo, baseado nun conto tradicional galego, que foi producido polo Xabarin club da TVG para apoiar a campaña do Patrimonio Inmaterial Galego na UNESCO.

E para gozar de novos recursos que nos axuden a transmitirlle aos máis cativos o gusto polos contos e as historias contadas na nosa lingua, recomendamos a páxina CONTOS PARA VER E CONTAR.

Que gocedes da riqueza do noso patrimonio oral, hoxe e o resto dos días do ano.