Arquivo da categoría: Cultura

A galiña azul, de balde en Redondela (31 de marzo, ás 18h)

O venres 31 de marzo, ás 18h, no Auditorio da Xunqueira de Redondela, representarase a obra A galiña azul, escrita por Carlos Casares (autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017).

Esta actividade forma parte de FalaRedes 2017, un programa de dinamización lingüística promovido dende a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A galiña azul é o punto de partida desta adaptación teatral. Un libro escrito como unha carta a unha nena chamada Ana que marchou da vila cando era cativa. O rapaz que lle escribe cóntalle anécdotas e acontecementos que ocorreron desde que ela se foi. Narracións cheas de fantasía, de maxia, pero tamén de crítica social, pois a galiña azul simboliza o dereito a ser diferentes, á liberdade.

Unha palabra para Rosalía!

No pasado mes de febreiro as bibliotecas de Redondela e Chapela tamén participaron nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro. Desta volta ofreceron ás crianzas unhas camelias para debuxar. Pero ademais os cativos e cativas tiñan que escolle-la súa palabra favorita en lingua galega.

Participaron un total de 82  de nenos e nenas que debuxaron con múltiples cores as camelias para Rosalía. No reconto final, a palabra máis repetida foi “bolboreta” (5 veces), seguida doutras palabras como “animais”, “choiva”, “morriña”, “amor”, “beizo”, “ledicia”, “quérote”, “axóuxere”, “parrulo”, “auga” e “bico/biquiño” (2 veces cada unha).

O resto de palabras son unha suma de distintos campos semánticos: natureza (árbore, lume, solpor, orballo, amendoeira, xesta, aire), sentimentos (amizade, agarimo, acariñar, namorar, apertas, sentimentos, lembranza, coliño), animais (gato, pimpín, chío, chirlomirlo), nomes propios (Rosalía, Lía, Aldara, Xema) ou palabras descritivas (besbello, furafollas, pequerrecha).

Complentan a lista as seguintes: esmorga, miudiño, touciño, ler, andacamiños, parafuso, xamón, nai, fillos, cantiga, meigas, facho, viaxe, tren, raíña, trapallada, baleiro, libro, xogar e falar.

Entre tódalas camelias atopamos algunhas con mensaxes: “O galego é moi bonito” e “O galego encántame”. Noutras delas o seu autor deixounos unha mensaxe dirixida á escritora galega: “Grazas Rosalía por tódo-los poemas que escribiches”. Mensaxe ós que nos sumamos dende o SNL.

Homenaxe a Rosalía de Castro

O pasado xoves 2 de marzo de 2017, o Concello de Redondela homenaxeou a Rosalía de Castro. Un acto que se sumou a tantos outros realizados neste municipio como maneira de participar na homenaxe nacional a Rosalía polo seu aniversario (24 de febreiro).

O acto central comezou cunha recepción oficial, por parte de Alcaldía, do presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira.

Deseguido fíxose o acto nas portas da Casa do Concello, ante a alameda, onde tomaron a palabra o responsable técnico do Servizo de Normalización Lingüística, a concelleira de Cultura, varios rapaces e rapazas do IES Illa de San Simón, o presidente da Fundación Rosalía de Castro e o Alcalde.

O acto pechouse co canto do himno galego.

Curso de lingua e cultura galegas en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística organiza un Curso de lingua e cultura galegas para persoas adultas, que se desenvolverá dende o 9 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2017.

Está destinado a persoas maiores de idade que estean interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas, persoas non escolarizadas en galego na súa etapa formativa ou procedentes de fóra de Galicia que vivan no concello de Redondela.

CARTEL LINGUA E CULTURA - IMPRESION

O curso desenvolverase na Casa da Cultura de Redondela e constará de 30 horas lectivas, repartidas en tres sesións semanais (luns, mércores e xoves, de 11:00 a 12:30 h), e será maiormente práctico, cuns mínimos contidos teóricos. O obxectivo é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e cultura galegas a partir da oralidade, do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades.

Esta actividade formativa e de socialización en lingua galega permite participar a persoas non habituadas a escribir ou falar en galego, que descoñecen a nosa lingua ou que queren mellorar a súa competencia lingüística. Ao mesmo tempo, promove o coñecemento da cultura e a historia de Galicia, das súas principais manifestacións, e da historia, a toponimia e as manifestacións culturais máis importantes de Redondela.

O obxectivo desta actividade formativa é facilitar a integración na sociedade galega e redondelá a persoas procedentes de fóra, promover o intercambio cultural e lingüístico, e contribuír a mellorar a competencia lingüística da veciñanza redondelá.

A inscrición é de balde e debe formalizarse entre o 1 e o 20 de decembro no Servizo de Normalización Lingüística (multiúsos da Xunqueira, oficina 4 – baixo), ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou do teléfono 986 400 106.