Todolos artigos de: SNL

Axóuxeres en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística programou para este ano AXÓUXERES en Redondela.

Trátase dun programa de dinamización lingüística dirixido a bebés de 0 a 3 anos que busca favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés, utilizando para iso o xogo, a música e a experiencia sensorial.

O obxectivo deste programa é axudar a que os pais e as nais contribúan á transmisión da lingua e, á vez, obteñan ideas para xogar na casa, prolongando no fogar as propias actividades.  Ademais a iniciativa homenaxeará aos avós, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua aos máis pequenos.

A programación no noso concello inclúe:

ENCONTROS DOS AXÓUXERES

Domingo, 20 de febreiro de 2011, ás 12.00 h, na Casa da Cultura de Redondela.
Para asistir xa se pode  facer a inscrición no teléfono 686160879.

OBRADOIROS DOS AXÓUXERES

Venres, 25 de febreiro de 2011, ás 17.00 e 19.00 horas, na Casa da Cultura.
Sábado, 26 de febreiro de 2011, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura.
A inscrición comezará uns días antes dos mesmos, no teléfono 630230338.

Cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 12, do 19 de xaneiro de 2011).

O Servizo de Normalización Lingüística vai solicitar que se imparta algún destes cursos no noso concello. Así pois, solicita a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou no teléfono 986 402842, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a inscrición nos mesmos.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 22 de febreiro, e na petición deberán constar: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A organización de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións. Polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía, que queira mellorar a súa competencia en lingua galega, a que solicite esta formación.

Os cursos, que se desenvolverán entre finais de marzo e o 15 de xuño, son de acceso libre e de balde.

Aquelas persoas que prefiran asistir a algún dos cursos convocados noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria) para algún dos cursos xa programados. E se algún colectivo quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

A nosa lingua no Senado

O Senado converteuse onte nunha ‘verdadeira cámara territorial’ ao permitir aos senadores expresárense, por primeira vez nunha sesión plenaria, na lingua propia da comunidade autónoma á que representan.

Até o de agora, as linguas cooficiais (galego, catalán, eúskaro e valenciano) podíanse   utilizar na Cámara Alta desde o ano 2005, pero só no debate da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, mentres que agora a súa  utilización amplíase a todos os plenos, aínda que con límites: o seu uso permitirase, inicialmente, só nas mocións.

Este foi, pois, un bo día para a nosa lingua, que adquire o status de oficialidade na cámara de representación territorial.

Agardamos que esta posibilidade sexa aproveitada, e que todos os senadores e senadoras  galegas sirvan de exemplo na utilización da nosa lingua como vehículo de comunicación e entendemento, e cumpran co seu deber de representar con dignidade ao territorio do que son representantes.

Cursos CELGA e linguaxe administrativa nas EOI

A Consellería de Educación vén de publicar no DOG de hoxe a convocatoria de cursos de lingua galega CELGA e de linguaxe administrativa galega, que se impartirán en 2011 nas EOI (Escolas Oficiais de Idiomas) de Galicia.

Os cursos son gratuitos e organízans en dúas quendas: a primeira en febreiro-marzo, e a segunda en outubro.

Para a primeira quenda o prazo é de 20 días naturais a partir de hoxe, e a inscrición haina que facer na secretaría da EOI onde se queira asistir ao curso, cubrindo o ANEXO I para os cursos de linguaxe administrativa, e o ANEXO III para os CELGA.

Nas EOI máis próximas ao noso concello, Vigo e Pontevedra, programáronse os seguintes cursos para a primeira quenda:

CELGA
Centro Nivel Data de inicio Data de fin Horario Días
EOI Vigo Celga 1 febreiro xuño 18.00 – 20.00 Mércores e venres
EOI Vigo Celga 4 febreiro xuño 10.30 – 12.30 Martes e xoves
EOI Vigo Celga 4 febreiro xuño 18.00 – 20.00 Mércores e venres
LINGUAXE ADMINISTRATIVA
Centro Nivel Data de inicio Data de fin Horario Días
EOI Pontevedra Medio febreiro maio 9.00 – 12.00 Martes e xoves
EOI Pontevedra Superior febreiro maio 9.00 – 11.00 Luns, mércores e venres
EOI Pontevedra Superior febreiro maio 12.00 – 15.00 Luns e mércores
EOI Pontevedra Superior marzo maio 16.30 – 19.30 Martes e xoves
EOI Vigo Medio febreiro xuño 9.00 – 11.00 Martes e xoves
EOI Vigo Superior febreiro xuño 9.00 – 11.00 Mércores e venres