Todolos artigos de: SNL

Receitario sostible

A Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, publicou semanas atrás un libro de receitas elaboradas coas sobras das comidas. O obxectivo é conseguir diminuír os residuos que xeramos día a día,  e concienciar sobre a necesidade de aproveitar os alimentos. Isto repercutiría favorablemente na diminución dos residuos que chegan aos contedores do lixo e, asemade, contribuiría a mellorar a economía das familias.

Para repañar o prato! é o suxestivo título deste receitario elaborado polo alumnado da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández Iglesias, de Sober, e impulsado pola Consellería de Medio Ambiente.

Como non podía ser doutro xeito, as receitas están en lingua galega. Así aprovéitanse os restos das comidas, elabóranse os alimentos de xeito sostible, e contribúe tamén a facer presente e sostible a nosa lingua na gastronomía.

Pódese acceder ao receitario premendo na imaxe superior.

Día Internacional da Muller e recursos

Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller, no que se conmemora o traballo das mulleres como creadoras e parte da historia, e se lembra a loita que desenvolveron as mulleres ao longo da historia por participar na sociedade en pé de igualdade co home.

Na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, que se celebrou en Copenhague en 1910, Clara Zetkin, a líder do movemento alemán de mulleres socialistas, propuxo a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, baseada na celebración que se realizaba dende 1908, nos EEUU, como Women’s Day, para reivindicar o sufraxio feminino. Este chamamento foi seguido en Alemaña, Suecia, Austria e Finlandia. Posteriormente, os acontecementos de 1917 en Rusia nesa data (Revolución de Outubro), contribuíron a afianzar esta celebración, avalada posteriormente co recoñecemento das Nacións Unidas.

O tema oficial do Día Internacional da Muller 2011 é «A igualdade de acceso á educación, a capacitación e a ciencia e a tecnoloxía: camiño cara ao traballo decente para a muller».

Para contribuirmos nós tamén á celebración deste día da muller, traemos algunhas achegas interesantes que poden axudar a facer máis visible o traballo das mulleres e a conseguir unha efectiva igualdade entre mulleres e homes.

Un recente recoñecemento para as mulleres do noso concello é o libro Mulleres Redondelás, editado pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, no que se difunde a vida de mulleres exemplares de Redondela para que non queden no esquecemto e formen parte da memoria colectiva do noso pobo.

O Consello da Cultura Galega, a través do portal CULTURAGALEGA.ORG, ten na rede o ÁLBUM DE MULLERES, un centro de documentación dixital para divulgar e investigar a contribución das mulleres á sociedade e cultura galegas.

E a Deputación da Coruña, a través do Departamento de Servizos Sociais, editou un caderno de orientación para un uso non sexista da linguaxe administrativa galega.

Este caderno pretende ser unha ferramenta básica, clara e  concisa para axudar ao persoal da administración a mellorar a comunicación oral e escrita, e que se fai extensiva ao resto da sociedade, co fin de sensibilizar tamén sobre os usos sexistas da linguaxe e propoñer solucións para esa discriminación.

Pódese descargar aquí en pdf

Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra


Curso de CELGA 1 en liña

A partir do vindeiro mes de abril poderase facer un curso de CELGA 1 en liña.
A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vén de convocar tres cursos en liña para a preparación das probas conducentes á obtención do Celga 1.

Esta convocatoria de formación a través de internet está dirixida a persoas maiores de 16 anos que estean interesadas en preparar a proba do Celga 1 e que posúan coñecementos informáticos básicos.

As prazas dispoñíbeis son 150, que se distribuirán en 3 cursos. Cada un deles contará cun titor ou titora que fará o seguimento do curso e que resolverá as dúbidas e fará as correccións. Desenvolveranse entre o 4 abril e o 15 de xuño (10 semanas).

As persoas que desexen participar nesta actividade formativa deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • DNI con letra
  • Enderezo electrónico e teléfono de contacto
  • Lugar de residencia
  • Nivel de estudos

O prazo de matrícula remata o 20 de marzo.

A selección das persoas admitidas farase por rigorosa orde de matrícula até cubrir as 150 prazas dispoñíbles.

Pódese consultar aquí a convocatoria completa, ou solicitar información nos teléfonos: 981 957654 – 981 544402 – 981 546835.

Malos tempos para o audiovisual galego

Por desgraza o cinema galego, invisible nas salas comerciais, tamén agora vai deixar de estar visible a través dunha plataforma que axudaba a divulgalo en rede e de balde. FLOCOS.TV deixou de existir, e xa non imos ter accesibles os centos de traballos audiovisuais difundidos a través desta plataforma dende o ano 2008. Xa que logo, algunhas das nosas referencias xa non serán válidas.

Deixar morrer un proxecto tan ambicioso e necesario para a promoción e divulgación da creación audiovisual galega é unha verdadeira mágoa, e unha irresponsabilidade permitir que o traballo e o investimento de persoas e recursos queden ocultos,  no esquecemento.

Agardamos que, polo menos,  siga funcionando o proxecto de CINEMAS DIXITAIS, para seguir a darnos a oportunidade de ver o noso cinema en espazos non comerciais.

E aproveitemos que xorden voces comprometidas que van loitar pola súa recuperación. Agora é  o momento de apoialas, e de pedir tamén como consumidores e consumidoras que o cine galego estea nas salas comerciais.