Todolos artigos de: SNL

Concerto homenaxe a Chané

O pasado sábado día 9 gozamos con este concerto, en clave de jazz, de “Chané na Habana”, actividade impulsada por este Servizo de Normalización Lingüística.

Un espectáculo musical, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Redondela, como homenaxe polo centenario do cabodano do Mestre Chané.

Dende a tradición popular e o pasado deica á innovación e experimentación musical.

Para esta ocasión distribuímos este tríptico entre o público asistente:Homenaxe a Chané

 

 

Exposición Scriptorium. Unha forma de coñece-la lírica medieval

Esta mostra estará aberta até inicios de xaneiro de 2018, no horario habitual do Multiúsos, destinada a un público xeral. Ofrece a posibilidade de coñece-lo traballo artesanal dos monxes e das abadesas copistas, con diferentes paneis explicativos, material de época (pigmentos, canas, banco copista…) e un percorrido pola historia da impresión.

Ademais haberá obradoiros para as escolas de Redondela (están tódalas prazas cubertas), como complemento á unha futura visita ó Pergamiño Vindel, exposto no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Esta exposición organízaa a Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Redondela.

A actividade estivo impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística pola relevancia da lingua galega no período medieval, coincidente co esplendor do Reino de Galicia, e pola promoción do prestixio lingüístico

Convenio de galeguización con Tanamañó

O Servizo de Normalización Lingüística impulsou a renovación do convenio de galeguización de Tanamañó, o único tanatorio que temos en Redondela.

O acto de sinatura desenvolveuse nas instalacións da empresa funeraria. Nel participaron o alcalde de Redondela, Javier Bas, e os representantes de Tanamañó Alfonso Pereira e Xosé Santos.

Con esta acordo a empresa comprométese a impulsa-lo uso do galego, a facilita-la documentación en lingua galega e a promove-lo seu uso en necrolóxicas, lápidas, correspondencia e e documentación administrativa interna.

Visita guiada cos clubs de lectura

O martes 24 de outubro os clubs de lectura, das bibliotecas de Redondela e Chapela, participaron nunha visita guiada pola exposición “Airiños, Aires, Rosalía”, de Xurxo Lobato.

No percorrido, o técnico de normalización explicoa a partir das fotografías a vida e obra rosalianas. Dende o tempo de infancia en Padrón e Compostela até os anos de Madrid.

Tamén houbo ocasión para ler algúns dos seus poemas máis célebres, analiza-los seus contidos e poñer en conexión a literatura galega coas correntes estéticas da Europa oitocentista.