Celebrámo-lo 17 de maio, Día das Letras Galegas

O pasado 17 de maio celebrámo-lo Día das Letras Galegas na Alameda, ante a estatua de Castelao.

O acto abriuno o responsable técnico do SNL reflexionando en voz alta sobre a situación da lingua galega e da literatura.

Deseguido contamos coa colaboración de varias persoas que leron textos de Casares (figura homenaxeada este ano), Eduardo Pondal (polo centenario da súa morte) e Ramón Cabanillas (quen traballou como secretario do Concello de Redondela). Cada persoa falou en representación de espazos sociais onde o galego está vivo. Grazas, pois, a Mercedes (ADC de Rande), Eva (inmigración), Alfonso (Dereito), Magdalena (mariscadora de a pé) e Carlos (Igrexa).

Pechou o acto a concelleira de Cultura, que se centrou na obra e biografía de Carlos Casares.

A continuación púxose a coroa de flores ós pes de Castelao e pechamos co canto do himno nacional galego.

Unha xornada acompañada dos grupos folclóricos das parroquias redondelás, que celebraron o Día da Muiñeira.

Que sirva o Día das Letras Galegas para divulga-la lectura do libro galego, o escritor homenaxeado e a toma de conciencia arredor da situación do idioma galego.