CAMELIAS A ROSALÍA

Con motivo da celebración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o Concello de Redondela impulsa, dende o Servizo de Normalización Lingüística, unha serie de actos para honra-la memoria da escritora e impulsa-los valores que representa: igualdade, feminismo, xustiza social, lingua galega e defensa de Galicia.

Durante a semana do 20 ao 24 de febreiro o Concello pendurará no balcón unha lona referida a Rosalía de Castro e á lingua galega. O deseño realizouno o obradoiro de emprego “Emprega Xove”.

Ademais para o mes de outubro presentarase a exposición fotográfica “Airiños Aires Rosalía”, do fotógrafo Xurxo Lobato, no Multiúsos da Xunqueira.

BIBLIOTECAS PÚBLICAS

O venres 10 de febreiro celebrouse na biblioteca pública de Chapela un contacontos impartido por María José Martínez e dirixido a crianzas a partir dos catro anos.

O venres 17 haberá outro contacontos e recitado de poesía na biblioteca pública de Redondela, nunha actividade dirixida por Marisa Irimia. Un achegamento á poesía e á lingua galega de xeito lúdico para cativos e cativas a partir de catro anos.

Ademais en ambas bibliotecas facilitaranse unhas camelias de papel para debuxar e poñer por detrás a palabra preferida en lingua galega. Despois colgaranse todas do taboleiro para figurar un mosaico de camelias a Rosalía.

Tamén se colocarán nos expositores de entrada á biblioteca distintas obras de Rosalía de Castro.

RADIO REDONDELA

Durante a semana do 20 ao 24 de febreiro haberá unha programación especial na Radio Municipal de Redondela (con horario de 11 a 13h), que acollerá lectura de poemas por parte de escolares, unha escolma de distintas versións musicais da poesía de Rosalía e un conxunto de entrevistas a distintos persoeiros da cultura galega: Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro), Xesús Alonso Montero (presidente da Real Academia Galega), María do Cebreiro (coordinadora do proxecto de investigación Rosalía de Castro da Universidade de Compostela), Najla Shami (cantante cun disco dedicado a Rosalía) e David Fernández (membro do grupo galego-catalá Val das Mouras, que tamén versionaron a poesía da autora).

REDES SOCIAIS

Na web do concello porase un banner con toda a información desta programación. Para o propio día 23 de febreiro fomentarase os cancelos#RosalíaTe e #RedondelaQuereRosalía nas distintas redes sociais do Concello de Redondela.

ACTO CENTRAL

O mércores 22 de febreiro celebrarase o acto central para non coincidi-lo día 24 (día do nacemento de Rosalía) cos actos programados polo entroido.

Un grupo de escolares percorrerán o centro de Redondela para, ó son duns gaiteiros que interpretarán a Alborada de Rosalía, repartir poemas da autora homenaxeada.

Ás 12:30, diante da Casa do Concello, haberá un recitado de poemas por parte do alumnado dos centros escolares de Redondela. A continuación lerase a Declaración Institucional polo Día de Rosalía de Castro, aprobada no pasado pleno por unanimidade. O acto pechará coa interpretación o himno galego.

Neste día tamén se colocará nunha mesa con camelias e unha escolma de poemas de Rosalía feita polo Servizo de Normalización Lingüística.

Do berce á rúa. Fálalle galego

Parabéns a todas as familias que estades a esperar un bebé, pois sempre é unha alegría a chegada dun neno ou unha nena á familia. Tamén é unha grande alegría ensinarlles as súas primeiras palabras, dar os seus primeiros pasos ou descubrir os primeiros contos e cancións.

Queremos animarvos a que o fagades en galego e para facilitarvos o camiño achegámosvos ás familias e ao profesorado de educación infantil o web www.dobercearua.gal, onde atoparedes unha chea de recursos lúdicos e educativos como contos, xogos, cancións, arrolos, primeiras palabras…, e tamén recursos moi útiles sobre a saúde, nomes en galego, consellos de crianza…