Nadal en galego co Apego

O Nadal chega con dúas novas  actividades incluídas no programa APEGO, de dinamización lingüística da primeira infancia.

cartel_apego_activ_decembro

Baixo o título “O aloumiño dunha estrela”, a compañía AvouYouja presenta un espectáculo de danza-teatro, con música en directo, que convida aos bebés a interactuar a través dos estímulos sensoriais.aloumino-dunha-estrelaA música, interpretada en directo, de “Claro de Lúa” (do compositor Claude Debussy), serve como fío condutor sonoro da peza, que tamén está complementada por temas da música tradicional galega.

Se estarricamos moito os brazos, moi lonxe, cara ao ceo, parécenos tocar as estrelas coa punta dos nosos dedos… semella imposible, non si?
Nesta viaxe sensorial, co arrolo da música da arpa e seguindo os zapatiños vermellos, faremos posible que as pequeniñas e os pequerrechos gocen da poesía, das imaxes ata rabuñar a bóveda celeste”.

O espectáculo celebrarase o xoves 8 de decembro, ás 18:00 h, no auditorio da Xunqueira, con entrada de balde, e está destinado a bebés, de 0 a 4 anos, que poderán acompañar dúas persoas adultas.

Para participar cómpre inscribirse a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou do teléfono 986400106.

E para a rapazada máis grande da casa, a compañía AS MAIMIÑAS presentan o seu espectáculo musical infantil: “Unha viaxe polo mundo“.

as-maiminasEsta é unha aventura musical en galego dirixida, principalmente, a nenas e nenos de 0 a 10 anos e as súas familias, na que durante máis dunha hora, cantarán, bailarán e gozarán dun espectáculo divertido e participativo.

Este traballo discográfico está incluído no libro-disco do mesmo nome publicado por Galaxia na colección Sonárbore.

as-maiminas_unha-viaxe-polo-mundo

“Para viaxar podes coller barcos, avións ou incluso camelo. Ou se cadra, abonda con acompañar ás MAIMIÑAS nesta volta e reviravolta musical arredor do mundo. Sabes cantar? Sabes bailar? Daquela, estás lista para viaxar”.

O espectáculo será o luns 26 de decembro, ás 19:00 h, no auditorio da Xunqueira, con entradas á venda dende dous días antes no propio espazo cun prezo de 3 € para público infantil e 5 € para público adulto.