NOVA DIFUSIÓN DO APEGO, AGORA XA EN 23 CONCELLOS

Coa recente adhesión dos concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, ao programa Apego, chega agora o momento de comezar a traballar coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos.

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

Coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. O primeiro deles é un vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicar o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar o programa de xeito atractivo.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no seu proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos podes gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela está na planta baixa do multiúsos da Xunqueira. Tamén se pode contactar a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986400106.