COÑECENDO REDONDELA, arquitectura e microtoponimia para a rapazada

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan unha nova actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia para a rapazada redondelá.

Baixo o título COÑECENDO REDONDELA, vanse celebrar uns talleres de arquitectura e microtoponimia para nenas e nenos, co obxectivo de divulgar entre a poboación infantil o patrimonio arquitectónico de Redondela, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia.

Cartel_coñecendo-Redondela

Analizarase a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, xeografía física e humana sobre a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.

Aspectos relacionados co asentamento da poboación no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.

Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá (de 9:30 a 11:30, e de 12:00 a 14: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 1 de setembro no teléfono 986 400 106 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.es.