I Concurso de teatro radiofónico escolar

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Radio Municipal de Redondela, organiza o I Concurso de teatro radiofónico destinado a alumnado de 3º ciclo de primaria e ESO.

Bánner_concurso_teatro radiofónico

Para a preparación das pezas teatrais organizáronse unhas xornadas formativas nos centros de ensino que así o solicitaron, a través da Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística de Redondela, que se desenvolveron no curso 2014-15 e 2015-16, e nas que se deron pautas para a locución e dramatización dos textos teatrais escollidos. Estas sesións formativas foron impartidas por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro, e nelas participaron grupos de 8 centros educativos.

Unha vez que a dramatización das pezas foi ensaiada, o alumnado participante desprazouse á Radio Municipal de Redondela para facer as gravacións, que se realizaron entre abril e maio.

No mes de xuño realizarase o concurso entre as pezas de teatro radiofónico gravadas este curso e mais o curso pasado, que serán emitidas en Radio Redondela entre o 2 e o 17 de xuño no programa “A Estación” (entre as 12.30 e as 13.00 h – ou na redifusión entre a 1.30 e as 2.00 h), e poderanse escoitar tamén a través da páxina do Facebook do Servizo de Normalización Lingüística https://www.facebook.com/servizo.redondela/, e do seu perfil na plataforma SoundCloud: https://soundcloud.com/servizo-normalizaci-n-ling-stica-redondela/sets/teatro-radiofonico.

As persoas interesadas poderán facer as súas votacións entre o 18 e o 27 de xuño a través do correo electrónico radioredondela@hotmail.com ou do teléfono do SNL, 986 400 106 (en horario de 8 a 15.00 h). Para iso cada persoa terá que identificarse e só se computará un voto por persoa para cada unha das modalidades, que son as seguintes:

  • PREMIO Á MELLOR DRAMATIZACIÓN RADIOFÓNICA
  • PREMIO Á CALIDADE LINGÜÍSTICA

O resultado do concurso darase a coñecer o 28 de xuño, e as pezas gañadoras destas dúas modalidades terán como premio unha visita guiada ao Museo Meirande e unha viaxe en barco á Illa de San Simón para os compoñentes e profesorado responsable das pezas gañadoras, que se celebrará na primeira quincena de setembro de 2016.