FÍOS DO QUERER, OBRADOIRO-CONCERTO DE MÚSICA INFANTIL

O Servizo de Normalización Lingüística organiza unha nova actividade dentro do programa APEGO, destinado á xente máis miúda da casa: FÍOS DO QUERER.

Trátase dun obradoiro-concerto que chega da man de César Freiría (Cé orquestra pantasma) con cancións para meniños e meniñas de 0 a 3 anos e para gozar en familia.

Haberá dúas sesións:

  • 24 de abril, ás 12:00 h, na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.

  • 15 de maio, ás 18:00 h, no Centro Cultural de Cesantes.

A actividade é de balde pero cómpre inscrición previa, que deberá formalizarse en normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.

Sin título-1

Seguir lendo FÍOS DO QUERER, OBRADOIRO-CONCERTO DE MÚSICA INFANTIL

MANUEL MARÍA, PROTAGONISTA DO DÍA DO LIBRO EN REDONDELA

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración con Radio Redondela e as Bibliotecas Municipais de Redondela, organizan a celebración do DÍA DO LIBRO dedicada a Manuel María.

Cartel-ManuelMaría_día do libro_FINAL

Co gallo da celebración, o vindeiro 23 de abril, do DÍA DO LIBRO, e a dedicación este ano do día das Letras Galegas 2016 ao escritor chairego Manuel María, estes departamentos organizan unha celebración conxunta que consistirá na lectura e gravación de textos do autor homenaxeado en Radio Redondela, entre o 12 e o 15 de abril (en horario de 13 a 14:30 h), e a posterior emisión na emisora municipal entre o 18 e o 22 de abril, vésperas da celebración.

Seguir lendo MANUEL MARÍA, PROTAGONISTA DO DÍA DO LIBRO EN REDONDELA

A PRESENTACIÓN DE “PITO GALEGO, MÉTODO PRÁCTICO” INICIA AS ACTIVIDADES DA “VIII SEMANA DO LIBRO, A FESTA DAS PALABRAS”

O Servizo de Normalización Lingüística, dentro da programación da VIII Semana do libro, a festa das palabras, organizou a presentación do libro “PITO GALEGO, MÉTODO PRÁCTICO”, do músico, docente e investigador Moisés Quintas Suárez.

Pito galego_Moisés

A presentación-concerto celebrouse na Escola de Música de Chapela o 5 de abril, ás 18:30 h, con entrada libre. Asistiu numeroso público e alumnado da propia escola, que seguiu con atención as explicacións do autor deste manual, que foi facendo un achegamento teórico-práctico á historia do pito galego.

Pito galego2

Partindo do pito pastoril máis rudimentario, feito de cana, pasando polos diferentes pitos máis perfeccionados, que utilizaron maioritariamente madeira de buxo, ata chegar aos máis modernos e evolucionados, noutras tonalidades e con rexistros máis amplos, feitos en madeira de granadillo.

Na presentación, Moisés Quintas estivo compañado por Xosé Aldea, da editorial Ouvirmos, encargada da  edición, e por Viqui Pérez, que acompañou coas percusións as distintas interpretacións dos pitos. Presentou o acto a directora da Escola de Música de Chapela, Begoña Rial.

Pito galego

Este manual, redactado en lingua galega, está apoiado na páxina web http://pitogalego.gal/, onde se poden atopar os audios coa demostración práctica das pezas estudadas e toda a información técnica precisa. Supón o primeiro método de pito galego, que contribúe a mostrar as posibilidades musicais deste instrumento e facilita a súa aprendizaxe, empregando unha metodoloxía progresiva, baseada no noso repertorio tradicional.

Pito galego3

Nesta primeira actividade da VIII Semana do libro, a festa das palabras, o público asistente, ademais de aprender as distintas posibilidades, sonoridades e tipos de pitos, achegouse tamén ao léxico relacionado cos materiais construtivos como cana, madeira de buxo ou granadillo, e á nomenclatura musical en lingua galega, pero tamén coñeceou o traballo de  artesáns galegos de importancia coma Basilio Carril ou Antón Corral.