OBRADOIRO DE RECURSOS EN GALEGO PARA FAMILIAS

O Servizo de Normalización Lingüística organiza unha nova actividade dentro do programa APEGO, de dinamización lingüística para a primeira infancia.

Desta volta trátase de dous obradoiros de recursos en galego para familias, que se desenvolverán en Redondela e Chapela, os días 21 de febreiro e 20 de marzo, respectivamente.

AcasaEncantada_feb-marzo2016

A CASA ENCANTADA DE ALÍ é o título deste obradoiro de Luís Prego e Fabaloba, no que achegarán ás familias participantes recursos para cantar, contar e xogar con nenas e nenos de 0 a 6 anos.

Luís Prego (músico, mestre e estudoso do patrimonio musical) e Fabaloba (empresa creadora e mantedora do portal “Alí, recursos en galego para a educación infantil”) xúntanse neste obradoiro para contar, cantar e xogar coas familias participantes.

A actividade é de balde pero ten límite de participación ( 20 nenos e nenas por sesión, cun máximo de dous adultos acompañantes), e cómpre inscrición previa no correo normalizacion@redondela.es ata dous días antes do comezo de cada obradoiro.

  • O lugar e horarios de celebración son os seguintes:
    Domingo 21 de febreiro, 12:00 h. Casa da Cultura de Redondela.
    Domingo 20 de marzo, 12:00 h. Multiúsos do Piñeiral do Crego, Chapela.

Nestas actividades, e mais nas que se organicen no marco deste proxecto, terán prioridade as familias inscritas no programa APEGO, un proxecto colaborativo desenvolvido por doce concellos a través dos seus servizos de normalización lingüística, cuxo obxectivo principal é implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.

Para inscribirse neste programa hai que dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística situado na planta baixa do multiúsos da Xunqueira, e cómpre estar agardando a chegada dun novo membro á familia ou que teña nacido no ano 2015. Coa inscrición, as familias participantes recibirán un agasallo con diverso material en galego para a crianza.