Funcións escolares da “Carapuchiña Vermella”

A primeira actividade do trimestre organizada dende o Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos centros de ensino redondeláns, desenvolveuse o 22 e o 25 de xaneiro en Chapela e Redondela, coa representación do teatro-musical “Carapuchiña Vermella”, de Educateatro Producións.
Esta é unha versión actualizada e particular do clásico dos Irmáns Grimm, modernizada e musical, que fai participar ao público da representación.
Participaron 748 escolares das escolas infantís: A Marisma, San Pedro e Ventosela; e dos centros de primaria: CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa-Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo. As idades das escolares ían dos 4 aos 10 anos.
 A historia está narrada por Plácido, un escritor de contos que, axudado pola súa vella máquina de escribir, traballará arreo para mecanografar o conto máis bonito do mundo enteiro: Carapuchiña Vermella.
A proposta mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos e voz en directo, para transmitir aos cativos e cativas valores como a ecoloxía, a igualdade, aspectos relacionados coa reciclaxe e o aproveitamento dos recursos,  ou as profesións, evitando a compoñente sexista.

(Fotos de Rafa Estévez)