O LARETA 2016 XA ESTÁ AQUÍ

Da man do novo ano chega unha nova edición do LARETA, o festival de monólogos de Redondela.

Lareta2016

Este é xa o cuarto no que intérpretes de diferentes estilos e orixe artística ofrecerán un espectáculo onde a palabra é a protagonista. O obxectivo deste festival de monólogos e contadas é precisamente ese: laretar, falar sen control e sen medida, dicir o que se queira dándolle o protagonismo absoluto á palabra en lingua galega.

O LARETA pretende ser unha proposta creativa e artística que promove a oralidade, ao tempo que descobre e divulga o traballo creativo daqueles artistas que desenvolven o seu traballo na nosa lingua propia.

Co aval do éxito de público das anteriores edicións, desenvolvidas en Redondela e Chapela, o Lareta converteuse nun referente na oferta cultural redondelá dos últimos anos. Neste LARETA 2016, que se celebrará os sábados 9, 23 e 30 de xaneiro, ás 20.00 h, contaremos con Federico Pérez, Paula Carballeira, e un espectáculo a tres bandas protagonizado por Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei.

A programación é a seguinte:

  • 9 de xaneiro. Federico Pérez: “Está… porque tiña que haber de todo

  • 23 de xaneiro. Paula Carballeira: “Os contos que non che contaron

  • 30 de xaneiro. Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei: “Falar sen cancelas”.

O prezo da entrada xeral é de 5 € e da reducida 3 € (para persoas desempregadas, xubiladas, estudantes e menores de 18 anos). A programación é recomendada para maiores de 16 anos e o comezo das funcións é ás 20.00 h, no Auditorio da Xunqueira.

A venda de entradas anticipadas farase dende dous días antes a cada función no multiúsos da Xunqueira, e dúas horas antes ao comezo do espectáculo na propia billeteira.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a veciñanza redondelá a participar desta proposta que reivindica o uso oral da lingua propia de Galicia e a súa idoneidade para a transmisión cultural e artística.